O programa de emprego de Cuntis terá nova edición despois de lograr traballo ao 42% dos participantes
Por Redacción
O 42% dos participantes no último programa integrado de emprego de Cuntis accederon a un posto de traballo tras as accións formativas. Trátase de novos traballadores procedentes deste municipio e tamén de Caldas, Barro, Moraña e Portas.
Esta cifra de inserción leva ao Concello de Cuntis a anunciar que tramita unha nova subvención para impartir o vindeiro curso 2022-2023 unha nova edición deste programa, coa participación dos concellos de Caldas de Reis, Barro, Moraña e Portas.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, considera que este programa dependente da Consellería de Emprego e Igualdade é unha "excelente ferramenta" para mellorar a formación profesional desde un punto de vista práctico e tutorizado, xa que permite aos alumnos beneficiarse das vantaxes de contar con docentes que deseñan un itinerario de procura de emprego individualizado segundo as circunstancias de cada participante.
Ademáis, os responsables do desenvolvemento do programa contactan coas empresas da contorna para que o alumnado realice as prácticas nos seus centros de traballo, o que facilita logo a incorporación.
O programa desenvolvese no Centro de Formación Ocupacional A Ran de Cuntis e nel participan durante 11 meses un total de 100 persoas en situación de desemprego.
Quedan pendentes 319 das 900 horas de formación deste programa.
O Concello de Cuntis destaca que as prácticas non laborais en empresas son unha das principais vantaxes deste programa, xa que permite aos alumnos adquirir experiencia laboral durante 15 días e ás empresas formar ao persoal nas tarefas concretas que necesita, favorecendo despois un alto porcentaxe de inserción laboral.
Os técnicos especializados en emprego do Programa estableceron contacto coas empresas da contorna para facilitar a incorporación do alumnado, tecendo unha rede empresarial na que participan Cortizo, Finsa, Foresa, Celtic Estores, Vertifil, Porexgal, Hotel Pousada Real, Asociación de Hostaleiros de Caldas de Reis, Balneario Acuña, Hotel Roquiño, Alcampo, Mariscos Meis, Montiño, Precon, Trivium, Restaurante Don Manuel, Nortempo, Global Setup, Celso Tomé, Poliésteres Bidasoa, Ambigal 360, Micofer, Residencia de Ancianos de Caldas de Reis, Aldi, Naturgalia e Stac.
Desde o programa tamén remiten currículums dos participantes, mediante oferta e información previa, a empresas como Grupo Externa, Celga, En dos Detalles, Montajes Mofaco, Limpiezas Cuntis, Mejillones Nidal, Adl A Estrada, Randstad, Bicolán, Teycosur, Senssia, Estrella Galicia, Froiz, Dispaint, Conjusa e Viveiro de Empresas de Barro.
Relacionadas:
-
Cuntis busca cen alumnos para unha nova edición do plan integrado de emprego
Por Redacción |
-
Moraña formalizará dez novos contratos para reforzar os seus servizos municipais
Por Redacción |
-
Buscan un asistente social e docentes para cursos de formación en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis contratará trece traballadores durante seis meses
Por Redacción |