Lerez Up, a convención de videoxogos que acollerá o primeiro torneo nacional de Smash Bros
Por Diana Eiras & María José Pita
Pontevedra acollerá a última fin de semana de agosto o primeiro torneo nacional de Smash Bros, a primeira competición deste tipo realizada en Galicia. A organización xestouse hai dous anos, pero a pandemia impediu que se levase a cabo.
O torneo chamado Lérez Smash encádrase dentro dun evento maior: Lérez Up, un salón de videoxogos e cultura friki impulsado polo colectivo pontevedrés Gaming Troop, asociación de videoxogos referente en Galicia, e o Concello de Pontevedra.
Segundo destacan desde a organización, Lérez Up aspira a formar un punto de encontro para os fans dos videoxogos en Galicia, facendo un especial fincapié na competición de Smash Bros Ultimate, ademais de outros moitos torneos e videoxogos, como League of Legends, Valorant, Tekken, Guilty Gear ou Just Dance.
Os amantes do cosplay poderán participar nun concurso cun xurado que premiará á mellor caracterización dun personaxe.
Haberá tamén charlas, talleres e stands para que artistas e deseñadores presentes as súas propostas.
Este mércores presentábase no Concello de Pontevedra un adianto das actividades que se desenvolverán no Recinto Feiral de Pontevedra o sábado 27 e o domingo 28 de agosto.
Xunto ao concelleiro de Novas Tecnoloxías Alberto Oubiña, interviñan os membros de Gaming Troop Sonia Piñeiro, Agustín Carballido e Rosa Fernández.
A primeira competición nacional de Smash Bros feita en Galicia terá unha capacidade de ata 256 participantes. Ademais, contará coa presenza de tres invitados especiais: Sisqui, AndresFn e Pepo, xogadores que lideran o podio deste videoxogo a nivel España ou Europa, como é o caso este último de Sisqui.
INSCRICIÓN E PREMIOS
Para inscribirse e participar é necesario facelo a través da plataforma Smash.gg antes do 20 de agosto.
As entradas terán un custo mínimo de 12 euros, dependendo da modalidade de xogo individual ou en parellas.
Estas entradas irán destinadas a custear os premios. De feito, o premio final estará composto polo bote recadado coas inscricións máis 1000 euros, que se dividirán entre os 8 primeiros clasificados, no caso do xogo individual.
Relacionadas:
-
A cultura friki amosa todo o seu potencial en Pontevedra
Por Redacción |
-
Preto de 400 persoas xa están inscritas no Lérez Up, o salón de videoxogos e cultura friki
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Super Mario, Zelda e Pikachu pelexarán no Recinto Feiral no primeiro torneo nacional de Smash Bros en Galicia
Por Redacción |
-
'Gaming na Rúa' consolídase cunha segunda edición máis global no Centro Leste
Por Redacción |