Lores explica a políticos e técnicos de Barcelona a súa idea de 'cidade dos 15 minutos'
Por Redacción
Dentro do cargado programa de convites e citas internacionais que o Concello de Pontevedra ten por diante este xuño á hora de divulgar e promocionar o modelo de cidade, a primeira parada produciuse de xeito telemático, co relatorio 'A cidade peonil' impulsado pola Deputación de Barcelona.
O encontro, no que participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co director xeral de urbanismo e servizos xerais, Xosé Manuel Tato, quedaba enmarcado dentro dun curso de formación para técnicos e cargos electos municipais da provincia de Barcelona sobre 'A cidade dos 15 minutos'.
Segundo explicou o rexedor da Boa Vila, foi esta unha exposición técnica, onde trataron de achegar as claves que permitiron a transformación urbana da cidade de Pontevedra ao longo destas últimas décadas. Nese sentido, Pontevedra figuraba para a Deputación de Barcelona como un exemplo de boas prácticas, referente na materia, ao igual que outras cidades como Vitoria, que tamén foi convidada a participar.
"Puidemos afondar nalgunhas características do modelo e tratar de levar algúns dos seus puntos máis importantes coa idea de poñer exemplos a seguir de cara ao futuro das cidades", explicou o alcalde. "A xornada rematou con un interesante debate con diferentes cuestións e preguntas, onde intentamos aportar a nosa visión e experiencia".