Un xuño internacional para Pontevedra, que explicará o seu modelo urbano en Irlanda do Norte, Suecia, Francia ou Portugal
Por Alejandro Espiño
Belfast (Irlanda do Norte), Helsingborg (Suecia), Estrasburgo (Francia) ou Lisboa (Portugal) son algunhas das cidades internacionais nas que, ao longo das próximas semanas, vaise a falar de Pontevedra como referente en materia de urbanismo e mobilidade sostible.
Son cinco dos convites que aceptou o Concello durante o mes de xuño para participar como relatores en diferentes eventos que teñen que ver co urbanismo, a loita contra o cambio climático ou o deporte no espazo público.
O impacto destas citas, segundo o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, "é importantísimo para Pontevedra" porque é unha promoción "impagable" que permite levar o nome da cidade "a espazos e lugares que outras cidades non poden permitirse".
O modelo urbano, recordou o alcalde, "é un fito creado entre todos e todas ao longo destes vinte anos", que permitiu que sexa un referente internacional en diversos ámbitos, froito do traballo participativo de toda a cidade e o mantemento e respecto polos cambios feitos.
Esta xira arrancará en Barcelona, aínda que de xeito telemático. Fernández Lores participará o 7 de xuño no relatorio "A cidade peonil", organizado pola Deputación de Barcelona.
A Belfast viaxará o propio alcalde o día 10 de xuño para asistir a un foro sobre liderado climático, evento impulsado pola Academia de Urbanismo do Reino Unido, na que os participantes exporán "ideas de vangarda para mellorar as cidades", destacou o rexedor.
Os días 13 a 14 de xuño, Fernández Lores estará en Xirona para impartir a conferencia "A cidade que queremos" nun evento da Fundación Arquitectura e Sociedade; mentres que o director xeral de Mobilidade, Daniel Mancelle, fará o propio no congreso global Mobility Call que acollerá Madrid o 15 de xuño.
No caso de Helsingborg (Suecia), tamén os días 15 e 16 de xullo, serán Anabel Gulías e Alberto Oubiña os que participen na palestra "A creación de lugares como un esforzo de toda a cidade: como os municipios poden crear lugares exitosos e fortalecer comunidades", un evento da rede Placemaking Europe.
A cita máis importante será a intervención do alcalde no segundo foro europeo sobre os centros das cidades, que acollerá o Parlamento Europeo en Estrasburgo entre os días 28 e 30 de xuño, organizado pola asociación francesa Centre Ville en Movement.
Por último, o tenente de alcalde, Tino Fernández, acudirá a Lisboa o 8 de xullo para participar como relator no congreso internacional "Cidade amiga do deporte con espazos públicos que promoven a actividade física e o deporte".
Relacionadas:
-
Europa mira cara Pontevedra na busca de inspiración para peonalizar as súas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Un "fallo de configuración" no despegue do avión complica a viaxe de Lores a Estrasburgo
Por Alejandro Espiño |
-
O "modelo Pontevedra" suscita interese na H22 City Expo de Helsingborg
Por Redacción |
-
Lores presenta o modelo de cidade en Belfast ante expertos en urbanismo e cambio climático
Por Redacción |
-
Lores explica a políticos e técnicos de Barcelona a súa idea de 'cidade dos 15 minutos'
Por Redacción |
-
Lestoux&Associés estuda en Pontevedra trasladar o modelo de cidade a un programa do goberno francés
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Pontevedra, invitada a explicar a súa transformación urbana no Parlamento Europeo
Por Alejandro Espiño |