Abren expedientes sancionadores a locais de Vilagarcía que incumpriron as normas sobre ruídos
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía ten abertos varios expedientes sancionadores a distintos locais de hostalería, na maioría dos casos por incumprimento das normas sobre ruído.
O goberno municipal salienta que "é preciso combinar a actividade económica co respecto e a defensa dos dereitos dos veciños ao descanso, e iso incumbe a todos". Pero, xunto cos dereitos veciñais, tamén hai que ter en conta o agravio comparativo que supón para os que si cumpren que quen non o fan continúen funcionando; e, igualmente, o custe que implica para o concello estas conductas, posto que debe facer fronte aos gastos de contratación dunha empresa especializada en medicións sonoras, ademais de dedicar unha parte do tempo dos servizos xurídicos e de urbanismo a tramitar este tipo de procedementos.
Segundo informan fontes oficiais do Concello de Vilagarcía, na semana pasada foron comunicados os peches a CocoLoco e Dolce Vita, en ambos casos, por incumprimento da lexislación de ruídos, e ao Travolta por traspasar os límites permitidos en canto a horarios. Nestes momentos están abertos outros expedientes, que serán comunicados con moita probabilidade nos vindeiros días.
Nuns casos, as infraccións se cualifican como graves; noutros, como moi graves. No primeiro caso, as multas van dende os 601 aos 12.000 euros, e no segundo, de 12.001 a 300.000. Incluso a licencia podería ser revogada.
Mentres o expediente se tramita –con todo o que iso significa: audiencia do interesado, alegacións, resposta, proposta de resolución e demáis- os locais deberán continuar pechados. A rotura do precinto ou a apertura do local derivarían nunha denuncia diante da fiscalía.
Tras as denuncias de varios veciños, desesperados co ruído que teñen que soportar polas noites, as medicións realizadas por unha empresa especializada demostraron volumes de ata 50 decibelios por riba do legalmente permitido.
Con independencia do resultado do expediente e da imposición da sanción, os hostaleiros que desexen reabrir, ademais de abonar a multa, terán que demostrar que o seu local está debidamente insonorizado e, de non ser así, realizar as obras ou medidas correctoras que correspondan, avaliadas por un técnico competente. Só entón a Administración podería aprobar a reapertura.