Unha colisión dun turismo cun patinete deixa dous menores feridos en Cambados
Por Redacción
Ao redor das 20.30 horas deste domingo, dous menores, de 16 e de 10 anos, eran trasladados ao Hospital do Salnés con mazaduras, cortes e dores nas articulacións despois de que se rexistrase un impacto entre o patinete no que circulaban e un turismo, cuxo condutor resultou ileso.
O accidente, segundo indica o servizo de Emerxencias do Concello de Cambados que interveu para atender ás vítimas, rexistrábase en Tragove, en Corvillón, no municipio de Cambados. Sinalan tamén que os dous menores viaxaban no patinete no momento do impacto.
Un particular chamaba ao 112 alertando do suceso. Na chamada explicaba que unha persoa necesitaba asistencia médica tras ser golpeada por un turismo cando se desprazaba en patinete, segundo indica o servizo do 112 Galicia.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Salnés, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos integrantes de Protección Civil de Cambados. Tamén participou Protección Civil de Ribadumia.