Cotobade recupera a Ruta de Sendeirismo do Lérez
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Cotobade ven de rematar a limpeza, acondicionamento e recuperación da Ruta de Sendeirismo do Lérez, que atravesa Fentáns, San Xurxo e unha parte de Santa María de Sacos, pola senda do Lérez. ÿ a única ruta de titularidade municipal e levaba moitos anos de abandono.
Esta actuación de recuperación, que se presentará este venres, xa fora solicitada en numerosas ocasións polos veciños e os montañistas, segundo sinalou o alcalde, Jorge Cubela.
A rehabilitación enmárcase no curso de formacion ADF en Conservación de Montes concedido a Cotobade pola Consellería de Traballo para formar a 15 parados de setembro a novembro. Entre os traballos a realizar en prácticas, o goberno local decidiu desenvolver o proxecto medioambiental e turístico de recuperar a Ruta de Sendeirismo do Lérez.
Cubela anunciou que se iniciarán as xestións para incluir a ruta nos paquetes turísticos de Terras de Pontevedra e para a súa homologación pola Federación de Montañismo para atraer visitantes e deportistas do sendeirismo.
A ruta discorre por 7,5 quilómetros e recuperouse cunha marxe de media de catro metros. ÿ a ruta arqueolóxica por excelencia, na que se destacan os recursos naturais e culturais. San Xurxo de Sacos posúe abundantes recursos arqueolóxicos que se complementan co conxunto etnográfico, o entorno do río Lérez, a carballeira de San Xurxo, a Ponte de Fentáns e conxuntos de petroglifos como a Pedra das Ferraduras ou o Lombo da Costa.