Denuncian un home por insultar en Instagram á Policía Local e a Garda Civil e difundir imaxes dos axentes sen permiso
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía de Arousa denunciou durante a fin de semana un home por gravar e insultar aos axentes municipais e á Garda Civil a través da rede social Instagram tras ser sometido a un control de alcoholemia.
Trátase dun veciño de Vilanova de 39 anos a que na noite do sábado someteron a un control aleatorio a condutores. Tras dar positivo, e seguindo o procedemento, foi trasladado á xefatura policial para someterse ao test de precisión.
Nese momento, o individuo gravou aos axentes sen que estes se decatasen e tempo despois publicou as imaxes na súa conta persoal de Instagram, acompañadas de graves insultos contra a Policía Local e a Garda Civil proferidos por el mesmo mirando á cámara.
Ademais da correspondente denuncia por conducir baixo os efectos do alcol, o home terá que responder ante o xuíz por insultos ás forzas da autoridade e por saltarse á Lei de Protección de Datos en canto á difusión de imaxes das caras dos axentes realizando a súa labor e dentro das dependencias municipais.
Ademais, durante a fin de semana a Policía Local de Vilagarcía interveu en sete accidentes de tráfico, todos eles leves. Os máis destacables foron o alcance a un ciclista por parte dunha furgoneta e a aparatosa colisión o domingo de madrugada na Rúa Rosaleda dun turismo que envorcou e cuxo condutor abandonou o lugar dos feitos. Minutos máis tarde, foi atopado pola Policía e deu positivo na proba de alcoholemia.
Resultado dos controis aleatorios de alcoholemia ao volante, tramitáronse catro denuncias por conducir superando a taxa permitida.
Como anécdota, os axentes tiveron que acudir o sábado pola tarde á avenida de Pontevedra a retirar da calzada a unha vaca que camiñaba solta co conseguinte risco para a condución. Os axentes contaron coa colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias para retirar ao animal e localizar aos seus propietarios para que se fixeran cargo del.