Ecoloxistas alertan de que o bosque de ribeira do Umia "leva anos soportando diversos impactos que o alteran"
Por Redacción
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) inspeccionou este domingo o tramo de medio quilómetro do río Umia nos arredores de Ponte Arnelas e, unha vez rematado o percorrido, constatou diversas alteracións, das que a máis grave afectaría ao bosque de ribeira.
Así, alertan de que o bosque de ribeira "segue a ser o peor parado" desta análise, pois "leva anos soportando diversos impactos que o alteran", tales como aparcamentos, paseos fluviais, lixo ou cortas. Ademais, este ano apreciaron novas rozas que cortan o sotobosque e que chegan ata a mesma beira do caudal, deixando as terras máis propensas á erosión e menos acubillo e alimento para a fauna.
Esta actividade encádrase dentro do Proxecto Ríos, un programa de voluntariado ambiental coordinado en Galicia pola asociación ecoloxista Adega e na que cada grupo local faise responsable do seguimento dun tramo dun río. O CES leva dende o 2007 participando neste programa, realizando inspeccións e limpezas de lixo no Umia.
Os resultados a destacar desta inspección son, ademais, que o nivel do río ía moi baixo, case un metro debaixo do cauce que normalmente leva nestas datas.
Tamén a temperatura da auga era de 19 graos, cando raramente supera os 17 e análise revelou unha "valoración intermedia da calidade" do ecosistema fluvial neste tramo, "lonxe de acadar o resultado desexable de moi boa".
En canto a especies invasoras, indican que a conca fluvial está cubertas de 2 especies de plantas acuáticas empregada nos acuarios domésticos (elodea e egeria) que crean masas moi mestas que non deixa pasar a luz e non deixa espazo para a flora propia. Outras como o bambú ou a tradescantia, son especies de xardín que se aclimataron a estas beiras e están desprazando as especies propias do bosque.
Segundo indican, estas especies non son respectadas nas rozas, o que, na súa opinión, denota o "pouco criterio ambiental! que a administración ten cando realiza ou permite estas cortas nun bosque con tanto valor ecolóxico, xa que son as estradas que empregan a fauna nos seus movementos polo entorno natural, cada vez máis urbanizado.