Unha viaxe no tempo aos anos 50 para dar a merecida homenaxe á cociña das avoas
Por Redacción & Cristina Saiz
Un Seat 600, o coñecido como Seiscentos, irrompeu pasado o mediodía deste sábado na Illa das Esculturas. Todas as miradas se detiveron no seu exterior, pois estaba totalmente tuneado como se aínda datara 1957 e acabara de saír da fábrica. Dous rótulos chamaban especialmente a atención, Capital Gastro no capó e Avoa Fest no lateral. Acababa de darse por inaugurada a nova romaría que aspira a quedar fixa no calendario festivo de Pontevedra, o Avoa Fest.
O bo tempo deste sábado, con temperaturas superiores aos 30 graos durante practicamente toda a xornada, levou aos pontevedreses a moverse cara ás praias e reduciu a asistencia a esta romaría, que encheu de festa a contorna da Illa do Covo.
No Seiscentos que causou sensación chegaron á zona da festa os concelleiros de Promoción Económica, Desenvolvemento Sostible e Benestsar Social, Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey. Os tres responderon a un dos chamamentos realizados desde a organización para acudir á festa vestidos dos anos 50.
Unha parte dos asistentes responderon a este chamamento, que buscaba completar unha viaxe ao pasado para trasladar Pontevedra a unha romaría das de antes, daquelas ás que acudían as avoas, como protagonistas indiscutibles do Avoa Fest.
O Avoa Fest, impulsado no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, organizouse cunha vertente gastronómica moi importante e levou ata esta zona verde ao carón do río a restaurantes da cidade especializados en cociña tradicional.
Como en toda boa romaría, as persoas asistentes puideron comer ben. Ameixas á mariñeira de Casa Digna, Carne ao caldeiro de A Fervella, churrasco de A ponte de Marcón, orella de Casa Cochón, embutidos e choripán de El Maño, pan e empanadas de Mipa e polbo á feira de Pulpeiro de O Carballiño completaron o menú.
Alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar 'ajarrados', xogos tradicionais e unha verbena con Randeeira, Chisto e Cascarillas para rematar completan a programación de doce horas de festa desta segunda edición dun evento que rende homenaxe ás avoas e a súa comida.
No marco deste Avoa Fest, ademais, o vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto, recibiu un agasallo de homenaxe dos concelleiros Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey polo seu labor e implicación no proxecto Pontevedra Capital Gastro.
Soto recibiu un prato de madeira (como o do Premio Loureiro de Ouro) cunha folla de loureiro e a frase 'Grazas Jorge por cociñar con corazón tantas receitas con nós' gravados, que lle entregou a gañadora do Desafío Filloa celebrado o ano pasado, Cuca Gómez Verguttini.
Relacionadas:
-
Porto convida a cociñeiros pontevedreses á inauguración do reformado Mercado do Bolhão
Por Redacción |
-
Unha romaría dos anos 50 na Illa das Esculturas dará unha volta ao Avoa Fest o sábado 28 de maio
Por Natalia Puga & Diana Eiras |
-
A cidade de Pontevedra xa é oficialmente candidata a Capital Española da Gastronomía 2023
Por Redacción |