Organizan encontros de lactancia durante os meses de xuño e xullo na Casa Azul
Por Redacción
O colectivo A Vila Láctea en colaboración coa Concellería de Benestar Social, no marco do programa municipal Proponte, realizarán unha serie de encontros do Grupo de Lactancia durante os meses de xuño e xullo na Sala Valdecorvos da Casa Azul.
Esta serie de reunións estarán coordinadas por Mar Gastañaduy, farmacéutica e experta universitaria en lactancia materna e nai dunha nena amamantada, e a videógrafa Berta Romero, tamén experta universitaria en lactancia materna e nai de dous fillos amamantados.
Elas encargaranse de formar a mulleres lactantes, embarazadas, así como ás persoas que dan apoio a lactantes ou xestantes, e darlles respaldo e apoio tal e como comezaron a facer os primeiros grupos de lactancia creados nun movemento social que xurdiu a mediados do século XX.
"Son un recurso para calquera nai que queira da-lo peito, xa que supoñen un punto de encontro entre familias en situacións semellantes", explicou o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey.
Despois de celebrar o pasado 16 de maio a sesión inaugural, a partir de agora, terán o seguinte calendario: mércores 1 de xuño (10:30 a 12:30 horas), mércores 8 de xuño (17:00 a 19:00 horas), mércores 15 de xuño (10:30 a 12:30 horas), mércores 29 de xuño (10:30 a 12:30 horas), mércores 6 de xullo (17:00 a 19:00 horas) e mércores 13 de xullo (10:30 a 12:30 horas).
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA E COLOQUIO NO MERCADO DE ABASTOS
Dentro do programa Proponte e baixo o nome 'Experiencias de vida: a decisión de migrar', a Concellería de Benestar Social, a Asociación de Migrantes de Galicia (Amiga) e a Red Acoge, teñen preparada unha exposición fotográfica e un coloquio que acollerá o segundo andar do Mercado de Abastos de Pontevedra.
Esta mostra poderá visitarse nas instalacións da rúa Serra entre os días 1 e 15 de xuño, mentres que o coloquio intercultural, que será presentado por Marcos Rey e que analizará os retos e oportunidades da sociedade de acollida, terá lugar o sábado 11 de xuño ás 11:30 horas.
Por outra banda, Rey avanzou que o Concello ten previsto realizar nas vindeiras semanas unha rolda de actos de presentación do Programa Proponte Rural polas distintas parroquias. "O rural ten que xogar un papel esencial nesta rede de autoapoio e participación social na que queremos aglutinar as enerxías de todo o noso tecido asociativo", destacou o concelleiro.
O primeiro dos actos de presentación, correspondente ás parroquias de Cerponzóns, Verducido, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve, terá lugar o venres 3 de xuño ás 20:30 horas no Centro Cultural de Santa María.
Relacionadas:
-
Petición en Change.org para que o Sergas incorpore unha asesora de lactancia materna en Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha "tetada láctea" nas Palmeiras concienciará sobre a importancia da lactancia materna en lugares públicos
Por Redacción |
-
Un centenar de profesionais especializados asistirán no Liceo Casino ás V Xornadas sobre infeccións perinatais
Por Redacción |