Sidecu-Supera anuncia que non volverá abrir Rías do Sur e planea inaugurar sete centros deportivos en Portugal
Por Redacción
O futuro do Complexo Deportivo Rías do Sur, onde se atopa a única piscina olímpica situada en Pontevedra, segue sendo incerto. O 11 de marzo pechábase a piscina e o spa aos usuarios e o 1 de abril selábanse as portas deste espazo deportivo.
O 22 de abril, a dirección da empresa Sidecu-Supera, encargada da xestión deste recinto, transmitía aos representantes legais do persoal do centro a súa intención de "non volver abrir as instalacións", segundo indican desde a federación de Servizos da CIG.
No medio desta situación, ademais de clubs e deportistas, atópanse 22 empregados, que descoñecen o seu futuro laboral. Sidecu trasladou aos tres delegados de persoal (dous da CIG e un de CCOO) que a Xunta de Galicia rexeitara os ERTE de forza maior por covid que a empresa pretendía rexistrar o 1 de abril, o día do peche da actividade.
Agora, segundo informa a CIG, teñen intención de iniciar os trámites para presentar un ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción.
O 25 de abril convocábase unha mesa de negociación. Neste encontro, a representación do sindicato nacionalista demandaba a Sidecu que se comprometa cos pagos dos salarios ata que se rexistre o ERTE que pretende afrontar a empresa.
Daquela levantouse a acta recollendo que o persoal permanecerá cunha licenza retribuída desde o peche ata que se rexistre o ERTE.
Pero no proceso de consultas, os delegados da CIG especifican que non asinarán ese acordo se a empresa non ten intención de reabrir o complexo deportivo. Nese momento, os representantes da dirección empresarial confirman "que non van volver a abrir as instalacións e que a súa intención é non seguir coa concesión do centro".
A asemblea de traballadores ratificou por maioría a súa negativa ao ERTE de seis meses pretendido pola empresa. Esta compañía de centros deportivos xustifica o expediente de regulación temporal de emprego na subida dos carburantes.
"Argumento máis que cuestionable xa que o maior dos custos da instalación é o quecemento da auga da piscina olímica, que está subvencionado nunha boa porcentaxe por Ence", indican desde a CIG.
Este centro deportivo de Pontevedra, segundo as fontes sindicais, sería o único dos 24 que xestiona esta empresa en toda a península que pecharía as súas portas. Ademais, segundo o sindicato, Sidecu, matriz da marca Supera, ten previsto abrir proximamente sete novos centros en Portugal, cun importante investimento económico.
A Fundación Rías do Sur, entidade sen ánimo de lucro, é a propietaria das instalacións e estudaba a recuperación da xestión das instalacións.
A empresa taxara en preto dun millón de euros a cantidade que deberían achegar os interesados en que renunciase á concesión por trinta anos, á que aínda quedan 14 anualidades, ata 2036.
A dirección da Fundación estuda a aplicación dunha cláusula do contrato que contempla a rescisión unilateral do acordo por incumprimento do servizo.
Relacionadas:
-
Supera renuncia á concesión de Rías do Sur tras asinar un acordo extraxudicial coa Fundación
Por Diego Espiño |
-
Ao choio para poñer a punto a piscina olímpica de Ponte Muíños
Por Redacción |
-
A seca frea a reapertura de Rías do Sur: "Non encheremos a piscina ata que a situación cambie"
Por Diego Espiño |
-
Agradecemento do CN Galaico á Escola Naval pola cesión das instalacións para adestrar tras o peche de Rías do Sur
Por Redacción |
-
Anulado por un defecto de forma o auto xudicial que obrigaba a reabrir de maneira inmediata Rías do Sur
Por Diego Espiño |
-
O xulgado ordena a reapertura inmediata da piscina olímpica de Ponte Muíños
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Inician unha recollida de firmas en Change.org contra o peche do Complexo Deportivo Rías do Sur
Por Diego Espiño |
-
Cruzamento de declaracións entre o Galaico Sincro e Supera polo peche de Rías do Sur: "Non secuestramos nenos"
Por Diego Espiño |
-
O persoal de Rías do Sur lembra á empresa xestora Supera que asinou un compromiso coa sociedade pontevedresa
Por Anxo Lourido |