Dous euros máis por ración: a Festa do Polbo, abocada a subir os prezos
Por Redacción
O aumento de prezo que experimentou o polbo nestes dous últimos anos vaise a notar na Festa do Polbo de Bueu, que celebrará a súa vixésimo primeira edición entre os días 13 e 15 de agosto nos Xardíns de Urbano Lugrís - As Lagoas.
Así se decidiu na xuntanza que mantivo a concelleira de Promoción económica de Turismo, Silvia Carballo, cos representantes da hostalaría local que participa no evento.
As racións máis pequenas pasarán de 6 a 8 euros, e as máis grandes, de 10 a 12 euros.
"Queremos manter os prezos populares, pero non podemos obviar que nestes dous anos se encareceron os produtos", salientou a concelleira.
A partir de agora, traballarase na organización deste evento que pon en valor o polbo das rías galegas e que contará coas habituais especialidades gastronómicas e con actividades culturais e de promoción deste cefalópodo, que se irán anunciando nos próximos meses.
Unha das novidades desta edición é que á carta dos viños habituais se unirá a IXP Ribeiras do Morrazo, "o que supón valorizar unha marca na que se inclúe o noso tinta femia", apuntaba ao remate da reunión Silvia Carballo.