Caldas renovará a iluminación das pontes da Ferraría e a do Bermaña
Por Redacción
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, informou este martes que o Concello proxecta instalar un novo sistema de iluminación artística da Ponte Romana sobre o río Bermaña e a Ponte da Ferrería sobre o río Umia.
"Remarcar os arcos e os elementos arquitectónicos dos dous monumentos con iluminación LED e coa utilización variable de diferentes cores e poñer en valor dous elementos moi significativos do patrimonio cultural da nosa vila e do propio Camiño Portugués a Santiago”, explicou o rexedor sobre os obxectivos desta intervención.
O proxecto técnico, elaborado pola empresa de enxeñería Ceire SL, contempla a substitución da actual iluminación por novos modelos de luminarias con tecnoloxía LED para mellorar a eficiencia enerxética e introducir novos elementos coa tecnoloxía RGB, polo que a calidade da luz será moi superior á actual.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, subliña que “con este proxecto a potencia instalada será moi inferior á actual e conseguiremos un aforro enerxético en torno ao 55 %, en liña cos obxectivos marcados no Plan Municipal de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES)”.
Na ponte da Ferrería instalaranse 20 proxectores LED para iluminar o interior dos arcos e 36 proxectores para os piares e as fachadas da ponte. Tamén se modernizarán as luminarias do vial, que pasarán de 6 a 8, mellorando o fluxo lumínico e o nivel de iluminación. Na Ponte Romana iluminarase os piares e as fachadas coa instalación de sete proxectores LED con óptica ancha.
O orzamento de execución material do proxecto de iluminación artística é de 142.800 euros, correspondendo 120.150 euos á ponte da Ferrería e 22.700 euros á ponte do Bermaña.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aprobou recentemente os dous proxectos de iluminación artística polo que o Concello espera á aprobación das financiacións solicitadas a fondos europeos a través da Deputación de Pontevedra.