Estudantes do IES A Xunqueira I deseñan novos carteis de benvida a Pontevedra
Por Redacción
Os concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña realizaron este venres unha visita até o obradoiro especial de deseño que o estudio Cenlitrosmetrocadrado realizou co alumnado de segundo de Bacharelato da modalidade de artes plásticas, deseño e imaxe, e do que sairán os deseños para os novos carteis que darán á benvida á cidade nas principais entradas da mesma.
Alí puideron comprobar de primeira man os primeiros pasos deste proceso de creación, onde o alumnado traballa cos elementos gráficos básicos que poden ser extraídos do universo gráfico co que conta o Concello de Pontevedra tras a mudanza da imaxe institucional. Cadrados, rectángulos, círculos... Figuras sinxelas que arman un corpus de figuras e elementos de seu que definen á cidade.
Así, os futuros carteis de benvida tentarán amosar xa non só as construcións máis representativas da cidade, senón a súa historia e o seu día a día, afondando nas sensacións da Boa Vila e na vida da xente na cidade. Deporte, patrimonio, accesibilidade, ocio... O alumnado foi quen de dar coas claves da cidade e traspasalas logo ao papel.
O proceso, tutelado por Cenlitrosmetrocadrado, permite un proceso de participación directo, a través do cal este alumnado ten nas súas mans o seu primeiro «traballo práctico» e que verá perdurar no tempo e poderá ver na súa cidade.
Se ben aínda non é posíbel desvelar os deseños definitivos, na xornada de traballo de hoxe xa se podían intuír formas ben coñecidas, coma Ravachol, a Peregrina en festas ou o río e o deporte que este contén todos os días do ano.