Ingresa en prisión un perigoso e escorregadizo ladrón de coches detido en Cotobade
Por Redacción
O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra decretou o ingreso en prisión dun home de 42 anos que, segundo os investigadores, é un perigoso e escorregadizo delincuente especializado nos roubos de coches e tiña un amplo historial de feitos violentos.
O detido, que xa se atopa no cárcere da Lama, non tiña domicilio fixo na provincia e desprazábase de maneira itinerante. Utilizaba métodos ou procedementos violentos para conseguir os seus obxectivos ou para eludir ás forzas e corpos de seguridade.
A investigación da Garda Civil sobre esta persoa comezou o pasado mes de marzo tras o roubo dun vehículo, un Renault-Clío propiedade do Concello de Nigrán.
Nas inmediacións do lugar onde desapareceu este coche, os axentes acharon un Audi A4 que fora subtraído días antes en Ávila. No seu interior, había numerosas impresións dixitais e efectos persoais da mesma persoa.
Os investigadores descubriron que, o día 8 de abril, alguén tentou vender en Sevilla o Renault Clío, pero a transacción non se completou porque o comprador soubo que o coche figuraba como roubado nas bases de datos oficiais.
O ladrón, ao verse descuberto, tentou agredir ao comprador cun coitelo de grandes dimensións e, co obxectivo de darse á fuga, meteuse nun coche que estaba parado e ameazou á súa condutora coa arma para que arrancase.
Nos asentos traseiros ían dous menores de catro e seis anos, segundo relata a Garda Civil, polo que o delincuente díxolle á condutora que parase para deixar aos nenos na rúa e que volvese subir ao coche para axudarlle a saír da zona.
Pero nese momento chegou unha patrulla da Policía Nacional, polo que tivo que fuxir el só no coche logrando escaparse sen que puidesen alcanzalo. Posteriormente, encheu nunha gasolineira de Alcalá de Guadaíra, da que se marchou sen pagar.
Dez despois, xa en Baiona, onde chegou conducindo o Dacia de cor branca co que se fuxiu de Sevilla, roubou na vivenda da nai da súa ex parella, onde se aloxou durante uns días.
A maior parte dos obxectos subtraídos, entre os que figura unha importante colección libros de edicións limitadas, reloxos, plumas e xoias, foron recuperados no domicilio dun familiar na cidade de Pontevedra.
Unha vez xa sobre a súa pista, a Garda Civil interceptou unha semana máis tarde un vehículo sospeitoso na parroquia pontevedresa de Tomeza, no que viaxaba esta persoa. Pero a súa imprevista reacción, asperxendo cun spray os ollos dun dos axentes cando trataba de identificalo, posibilitou que se dese á fuga campo a través.
No interior deste coche atopouse un casco de motorista e o contrato de compravenda dunha motocicleta subscrito cunha identidade falsa en Salamanca, onde se recuperou o turismo da marca Dacia que subtraera en Sevilla.
Tras protagonizar outra fuga o día 30 de abril en Ourense, onde estivo a piques de atropelar aos axentes que pretendían interceptalo cando pilotaba unha motocicleta de alta cilindrada, o escorregadizo ladrón foi detido o pasado 13 de maio en Cerdedo-Cotobade.
A detención produciuse, nesta ocasión, sen ofrecer resistencia cando este atopábase na terraza dun restaurante. No momento do arresto portaba nun peto un spray pementa e un reloxo dos subtraídos na casa de Baiona. Tamén levaba na súa carteira os permisos de conducir e as tarxetas sanitarias de dúas persoas, cos que adoitaba identificarse.
Nas proximidades tiña estacionado un turismo, Volkswagen-Golf, que subtraera días antes en Ourense. O vehículo levaba unhas placas de matrícula roubadas dun Renault Lagoa en Portugal. Na guantera do vehículo había un coitelo de considerables dimensións.
Ao investigado atribúenselle os delitos de roubo con forza nunha vivenda, detención ilegal, atentado, resistencia e desobediencia aos axentes da autoridade, usurpación de estado civil, ameazas, falsificación de documento público e apropiación indebida.
Ademais, a Garda Civil considera que é o autor de doce delitos de roubo de vehículos nos municipios pontevedreses da Estrada, Nigrán e Pontevedra e en Ourense, Sevilla, Ávila, Conca, Salamanca e Portugal.