Leborei rexistra un novo incidente cun camión atrapado na vía secundaria
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
É unha escena que se repite case todas as semanas e, dependendo das dimensións do camión, as consecuencias chegan a ser perigosas para a veciñanza. Este mércores un camión de transporte quedaba bloqueado cando tentaba circular pola estreita calzada da vía secundaria que une as estradas de Vilagarcía e Santiago en Leborei, na parroquia pontevedresa de San Vicente de Cerponzóns.
Esta vía é utilizada con frecuencia por condutores como variante para cambiar de estrada pasando da N-550 á PO-531. Ese era o obxectivo do condutor deste camión que quedaba atrapado a medio camiño.
Segundo indican os veciños, ao descoñecer esta zona o condutor tentou virar cara a outro camiño que era máis estreito aínda. Ante a alerta dos residentes, finalmente o transportista víase obrigado a dar marcha atrás ao longo de varios metros ata volver incorporarse á N-550.
A asociación O Chedeiro de Cerponzóns e os habitantes de Leborei insisten en reclamar solucións ás administracións para evitar o tránsito continuo de vehículos por esta zona co risco que supón para os peóns e a dificultade que provoca para que circulen os turismos dos residentes para acceder ás vivendas na zona. Piden, ademais, algunha fórmula que evite a entrada destes vehículos de gran tamaño que, en numerosas ocasións, ao tentar manobrar causan danos nos muros das vivendas