Seguen escoitándose frases como: tes que atopar a túa media laranxa, tes que atopar o teu príncipe azul, o día da túa voda é o máis importante da túa vida, pasóuseche o arroz..., vivir en parella segue sendo unha regra non escrita na sociedade?, a soltería estigmatiza máis ás mulleres que aos homes?
A psicologa e sexólogaAna Castro Liz, responde: "os esterotipos marcaron máis á muller que ao home, que envorcaron que se non tes unha familia, non tes éxito ou non es unha boa muller. Afortunadamente isto está a cambiar, aínda que hai moitas mulleres que seguen frustradas e veñen a terapia".
Na súa última publicación 'Aprende de tus cicatriz.ex' propón autoterapia. Prefire descartar a catalogación de libro de autoaxuda "porque coa autoterapia estás a traballar a orixe da situación traumática e neste caso, que engancha a unha relación anterior, por que non logras superala e con iso podes desvincularte afectivamente dese bloqueo con anteriores relacións".
Falamos de relacións de parella no podcast 'Cara a cara' e segundo explica, parece ser habitual sentir atracción por un mesmo perfil de persoa e iso pode ser causa de rupturas reiteradas. "As nosas eleccións de parella teñen moito que ver coa herdanza comportamental dos nosos pais; hai unha tendencia para buscar parellas similares ao pai ou a nai, por imitación. O que hai que sandar aí é a ruptura desa fotocopia e descubrir quen es", argumenta.
E como analiza as relacións tóxicas entre os máis novos?, en que benefician e prexudican as redes sociais nas relacións de parella? avanzamos ou retrocedemos en sexualidade? preguntamos en PontevedraViva Radio a Ana Castro Liz que ten unha canle de Youtube sobre sexualidade e tamén desde hai tempo promove en Lugo unha iniciativa chamada 'As tres Cés: cita, cea, charla' para facilitar o achegamento e a socialización entre persoas "de forma natural e real".