Realizan pintadas no banco que simboliza ao colectivo trans nos xardíns da Deputación
Por Mónica Patxot & Redacción
"El feminismo es radical", "Trans es misoginia" e "Sexo no es igual a género". Estas son as tres pintadas que este mércores aparecían en cor negra sobre o banco de tres cores que a Deputación de Pontevedra presentara en novembro de 2018 con motivo da celebración do Día internacional da Memoria Trans nos xardíns da institución provincial situados entre as Palmeiras e a Alameda.
O banco é un símbolo para as persoas integrantes do movemento LGTBI e atópase nunha zona moi frecuentada por mozos pertencentes aos centros de estudo próximos durante as súas horas de descanso.
Desde a Deputación de Pontevedra a reacción foi inmediata a través da deputada responsable do departamento de Igualdade, Victoria Alonso, que manifestaba que "o odio que xeran as posicións políticas da ultradereita provoca este tipo de actos vandálicos, que rexeitamos total e absolutamente".
Desde a institución provincial anuncian que procederan á súa limpeza de forma inmediata e lamentan que se produzan este tipo de incidencias no mobiliario urbano que, ademais neste caso, se atopa cargado de simbolismo, tal e como explicara Cristina Palacios, presidenta de Arelas, asociación de familias de menores trans, que no acto de inauguración do banco explicaba que hai que ter en conta a necesidade de respectar, defender e sensibilizarse con todas as persoas.