As ludotecas de verán están no aire pola falta de acordo económico entre Concello e Fanpa
Por Manu Otero
O concelleiro de Educación, Tino Fernández; e o presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa), Rogelio Carballo, mantiveron un encontro este mércores para negociar os termos do convenio para o financiamento das ludotecas municipais de verán. Con todo, a reunión concluíu sen acordo e, aínda que seguirán negociando, a organización destes necesarios campamentos de verán están no aire.
"Non imos desenvolver as ludotecas, é imposible porque non temos un convenio que nos obrigue nin nos incentive. Estamos moi fóra de prazo, non temos proxecto nin empresa. Non cremos que sexamos capaces de chegar para o 20 de xuño, necesitamos solucións urxentes", declarou Carballo á saída da reunión.
A falta de acordo entre ambas as partes radica no plano económico. O Concello ofreceu este mércores ampliar a dotación do convenio en máis do 50 % pasando dos 55.000 euros anteriores a 95.000 euros. Unha cantidade que desde a Fanpa seguen considerando insuficiente. "A situación está dificil, temos o gasto conxelado de ludotecas desde hai máis de 7 anos. As familias tiveron incrementos do 250 % nalgúns casos. Necesitamos actualizar o convenio a unha achega que signifique algo para as familias porque empezamos con 600 prazas e agora estamos en 2.500", recalcan desde a Fanpa.
Sobre a oferta presentada polo goberno local, o responsable de Educación sostén que "a eles lles parece insuficiente e nós o que pretendemos é seguir negociando ao longo desta semana", sinalou Fernández, quen emprazou a Carballo a unha nova reunión a finais desta semana.
Desde o Concello insisten en que "queremos que as ludotecas sigan funcionando en Pontevedra", pero "o Concello ten as súas limitacións orzamentarias, os cartos que se invisten nunha cousa sácanse doutras", explica o edil socialista.
Subliña Fernández que o incremento ofrecido pola súa concellería é "moi substancioso", aínda que tamén son conscientes de que veñen dunha situación de parálise e que " hai que actualizar as cantidades". Por todo iso, "seguimos traballando en buscar unha solución tanto para este verán como para o que vén", concluíu Tino Fernández.
Relacionadas:
-
Haberá Ludoverán 2022, Concello e Fanpa chegan a un preacordo
Por Oskar Viéitez |
-
O PP urxe un convenio "xusto" para a posta en marcha de ludotecas públicas
Por Redacción |
-
55.000 euros anuais irán destinados ás ludotecas de verán e nadal da Fanpa
Por Redacción |
-
O Concello repetirá o convenio coa Fanpa que permite as ludotecas de verán e Nadal
Por Redacción |