Colocan lonas con fotografías en espazos degradados de Cantodarea para combater o "feísmo"
Por Redacción
O barrio de Cantodarea loce diferente desde este venres. O motivo é que o Concello de Marín decidiu colocar unha serie de lonas con fotografías nas fachadas dalgúns edificios co fin de "coidar a estética do espazo público, embellecelo e loitar contra o feísmo".
As fotografías, que lembran o pasado mariñeiro deste barrio, son só as primeiras que se colocarán ao longo destes días, xa que o goberno local ten pensado continuar con estas intervencións noutras zonas degradadas e "recobrar a memoria da vila".
A concelleira Marián Sanmartín achegouse coa asociación veciñal A Fonte Cantodarea-Estribela a comprobar como quedou o resultado nunha das fachadas, despois de que o Concello xunto coa entidade veciñal escollesen aquelas que precisaban dunha mellora máis urxente.
Ademais de colocar as lonas, tamén lle pasaron unha man de pintura e así crear máis armonía e mellorar en xeral a imaxe desta zona.
Ademais, dentro deste último obxectivo, está englobada a actuación levada a cabo no local municipal no que se ubica a Asociación de Veciños de Cantodarea, onde colocaron un póster no recibidor cunha foto antiga do barrio.