Veciñanza denuncia a adquisición irregular de máscaras en Cuntis e o goberno local defende a legalidade da compra
Por Redacción
A agrupación política Veciñanza de Cuntis denuncia que o Concello comprou de "maneira irregular" máscaras a unha empresa Celquisán Global do candidato do PSOE de Barro, José Sanmartín; unha entidade creada en xaneiro de 2021. Desde este partido sinalan que esa empresa recibiu máis de 8.000 euros como provedora de máscaras e xel hidroalcóholico "sen contrato" para o Concello de Cuntis.
Na denuncia pública afirman que non constan orzamentos doutros provedores polo que se descoñece se as condicións desta empresa eran as máis vantaxosas. Aseguran que outros negocios locais pasaban dificultades e sufrían restricións mentres "o PSOE aproveitaba os recursos públicos para favorecer os negocios recentemente creados dos seus propios cargos electos".
Veciñanza considera que "estamos ante outro caso de caciquismo tan típico e característico do PSOE de Cuntis" alegando que se fixo unha contratación a dedo de material imprescindible á "recentemente creada empresa dun compañeiro de partido".
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Tras coñecer estas acusacións, o goberno local de Cuntis cualificaba de "detestables, repugnantes e bochornosas" estas insinuacións de Veciñanza ao cuestionar a transparencia no procedemento da compra de máscaras.
O alcalde Manuel Campos esixe a este grupo da oposición unha rectificación pública de maneira inmediata, ademais de pedir desculpas ao pobo por difamar o Concello ao acusalos de emitir "facturas irregulares sen ningún argumento ou base legal".
O alcalde asegura que a adquisición deste material en meses en que era escaso e difícil de conseguir cumpriu con todos os parámetros legais. Indica que o expediente se remitirá ao Tribunal de Contas de Galicia para que o examine e fiscalice para "verificar o rigor e pleno respecto á legalidade con que se levou a cabo".
Manuel Campos, alcalde de Cuntis: "Sempre mercamos a prezo de mercado"
Este mesmo mércores, a páxina web municipal publicará as facturas pagadas polo Concello de Cuntis aos diferentes provedores que achegaron material sanitario á administración local durante os peores meses da pandemia.
Campos sinala que se pode comprobar que o 28 de abril de 2020 o Concello pagaba cada máscara a 1,90 euros mentres que a partir de maio de 2020 pagouse 0,79 por máscara á empresa Celquisan Global, de José Sanmartín. "Sempre compramos a prezo de mercado", conclúe o alcalde explicando que esta nova empresa ofrecía mellor prezo e non esixía o pago por adiantado.
Lembra que este tipo de contratos menores para subministracións están regulados por lei e non é necesario sometelos a intervención previa.
As máscaras adquiridas tanto á farmacia local como a este subministrador foron entregadas a alumnado do colexio, empresas locais, comerciantes de Cuntis e familias que as precisaban.