A Aula Castelao pecha a Semana de Filosofía cunha chamada a "unha política que coide da vida e non do capital"
Por Oskar Viéitez
Como cada ano a Aula Castelao quixo crear nesta Semana Galega de Filosofía un espazo no que pensar conxuntamente o momento actual. Co título ‘Filosofía e contrahexemonías’ os participantes procuraron explicacións sobre a orixe das desigualdades e inxustizas sociais.
Como resumiu Eva Mouriño, voceira da Aula Castelao, "xuntarnos e facer filosofía é xa contrahexemónico" e a iso adicaron estes días, a "tomar a palabra para desmontar os silencios, mentiras ou narrativas do poder".
Nas súas conclusións, a reflexión da Aula Castelao desemboca "na urxencia por construír un mundo sostible", co planeta como límite e sendo conscientes da "imposibilidade dun crecemento ilimitado".
Esta Semana tomou protagonismo a disxuntiva "ou construímos un futuro baseado noutros valores ou non teremos futuro en absoluto" e eses valores han ser a solidariedade, a unión, a cooperación, a axuda mutua, a comprensión, "eses valores da humanidade aos que o poder hexemónico vira as costas e tilda de femininos, mais foron os valores que artellaron outras culturas ou cosmovisións e que estiveron e están na base de moitas resistencias, de moitas das loitas históricas pola emancipación dos pobos e das persoas".
Como algún dos poñentes lembrou, trátase de "volver poñer no centro do noso proxecto a igualdade, a dignidade, a fraternidade".
Así, nas súas conclusións despois dunha intensa semana de faladorios, a Aula Castelao de Filosofía insta á cidadanía a que "asumamos pois a nosa condición de seres viventes, interdependentes, vulnerables e necesitados", como un novo punto de partida, "para crear as estruturas públicas que necesitamos", para construír "unha política que coide da vida e non do capital".
Relacionadas:
-
Santiago Auserón, ex de Radio Futura, pechará unha Semana Galega de Filosofía centrada no papel da arte na sociedade
-
Francisco Jarauta abrirá en abril a Semana Galega da Filosofía
-
Carlos Taibo, na Semana Galega de Filosofía: "A dependencia entre a Unión Europea e Rusia é mutua"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Unha conferencia sobre Ucraína abrirá a Semana Galega de Filosofía, que pasa ao Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
A Semana Galega de Filosofía presenta o seu programa cunha ollada crítica aos discursos hexemónicos
Por María José Pita |