Francisco Jarauta abrirá en abril a Semana Galega da Filosofía
A XXXIX Semana Galega de Filosofía terá como título 'A filosofía e o arte' e contará con numerosas charlas, coloquios, debates e presentacións que se celebrarán entre o 10 e o 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. A entrada será de balde.
Polas mañás, as actividades tratarán principalmente sobre filosofía; polas tardes, o caso do galego terá máis importancia; e, polas noites, os actos e conferencias previstos estarán orientados a un público máis xeral.
Este mércores tivo lugar o adianto desta iniciativa organizada pola Aula Castelao de Filosofía en colaboración co Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Contou coa presenza de Alexandre Cendón, presidente da Aula Castelao de Filosofía, asociación que organiza esta semana temática; Montserrat Bragado, integrante da Aula Castelao de Filosofía; e Carme Fouces, concelleira de Cultura.
Cendón adiantou que Francisco Jarauta, catedrático de Filosofía na Universidade de Murcia, abrirá a semana o luns 10 de abril ás 10:30 horas coa súa conferencia Certamente é estraño que a Terra xa non sexa habitable. O presidente da Aula Castelao de Filosofía asegurou que Jarauta é unha persoa que leva traballando moitos anos en diversos ámbitos da filosofia pero estaba especializado na 'teoría das ideas'.
Por outra banda, Bragado, na súa intervención, citou a outra das persoas que estarán presentes esa semana. Neste caso trátase de Remedios Zafra, escritora, profesora e investigadora no Insituto de Filosofía do CSIC. Segundo Bragado, "é unha escritora bastante completa" que traballou temas como "a precariedade do traballo artístico ou cuestións de xénero".
Fouces definiu esta iniciativa como "un programa cheo de sorpresas" co que "ninguén queda indiferente" e fixo fincapé en que o tema deste ano "cadra moi ben co que levamos traballado este ano na cidade" facendo referencia a outras iniciativas do Concello de Pontevedra relacionadas co arte como a exposición 'A cidade é a pegada', ubicada no Pazo da Cultura.
A edil engadiu que a Semana Galega de Filosofía celebrarase este ano "por fin xa sen restricións" e concluíu a presentación afirmando que "as innovacións teñen importancia, pero as cousas que funcionan ben teñen que seguir".
Cendón afirmou que a presentación do programa oficial, no que se describirán de forma detallada todas as actividades, está prevista para o 10 de marzo.
Relacionadas:
-
A obra e pensamento de Hannah Arendt estarán presentes na Semana de Filosofía
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Inaugurada a XXXIX Semana Galega de Filosofía coa arte como tema principal
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Santiago Auserón, ex de Radio Futura, pechará unha Semana Galega de Filosofía centrada no papel da arte na sociedade
-
A Aula Castelao pecha a Semana de Filosofía cunha chamada a "unha política que coide da vida e non do capital"
Por Oskar Viéitez |
-
Carlos Taibo, na Semana Galega de Filosofía: "A dependencia entre a Unión Europea e Rusia é mutua"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Unha conferencia sobre Ucraína abrirá a Semana Galega de Filosofía, que pasa ao Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
A Semana Galega de Filosofía presenta o seu programa cunha ollada crítica aos discursos hexemónicos
Por María José Pita |