As Festas de Santa Rita regresan a Vilagarcía libres de restricións con atraccións, pulpeiras e concerto de La La Love You
Por Oskar Viéitez
Despois de dúas edicións marcadas polas restricións impostas pola crise sanitaria, Vilagarcía recupera este ano as festas de Santa Rita no formato prepandémico.
A ansiada volta á "antiga normalidade" queda reflectida nun programa de festas que a Concellería de Cultura non tivo que recortar este ano e que recupera toda a súa esencia e todos os seus atractivos, incluídas as atraccións no Ramal, o ambiente romeiro coas pulpeiras en Vista Alegre e o tradicional concerto gratuíto da Xunqueira, o que protagonizará o grupo La La Love You o día 21 de maio a partir das 23.00 horas, en formato prepandémico: de pé, sen máscaras, sen distancias nin aforos.
Santa Rita regresa con gañas, sen tapabocas, aforos nin distancias de seguridade e cun programa cheo de actividades lúdico-festivas organizadas polo departamento que dirixe Sonia Outón co obxectivo especial deste ano de cubrir as ansias de divertimento e de celebración comunitaria polas que os vilagarciáns e os veciños da contorna levan dous anos agardando.
Os nenos volverá a contar coas tradicionais atraccións, carruseis e cochiños na zona do Ramal. Tamén regresan ás rúas da cidade os postos de venta ambulante, así como as pulpeiras e rosquilleiras ás inmediacións de Vista Alegre.
Consecuentemente, isto supón que tamén se recupera o trámite de solicitude para a instalación das atraccións, das carpas das pulpeiras e dos postos de rosquilleiras e velas, xestión que os interesados xa poden realizar.
Dende o día 13 de maio haberá misas da Novena na honra de Santa Rita ás 11 e as 20 horas, e o 22 de maio, cada hora dende as 6 da mañá ata as 19 da tarde. Ademais, os fieis e devotos da santa de Casia poderán acompañar a súa imaxe na multitudinaria procesión que despois de dous anos volverá a percorrer as rúas do centro da vila.