Pontevedra acollerá en marzo o primeiro Congreso Internacional da Camelia que se celebra en España
Por Redacción
O Congreso Internacional da Camelia chega por primeira vez a España. A cidade de Pontevedra acollerá do 11 ao 15 de marzo de 2014 este evento de renome. Este foro de ámbito internacional estará organizado a través de Turismo Rías Baixas e da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Ademais, conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Juana de Vega.
O congreso constitúe un dos foros máis importantes para a exposición e discusión de traballos sobre os diferentes aspectos da camelia, tanto turísticos coma artísticos, plásticos, botánicos, os seus usos e aplicacións. Unha das maiores preocupacións das entidades organizadoras, e o principal obxectivo, é facilitar a transferencia e o intercambio de resultados das investigacións e os traballos realizados sobre a camelia e os seus produtos entre todos os países do mundo, para un mellor aproveitamento e goce dos recursos naturais.
O éxito amósase non só nos contidos senón no número de participantes. Os datos obtidos ata o de agora amosan un total de 100 participantes inscritos, de todos os continentes: Europa (16 de Reino Unido, 7 de Alemaña, 6 de Francia, 5 de Suíza, 4 de Italia, 3 de Bélxica e 1 de Holanda), Oceanía (27 de Australia e 7 de Nova Zelanda), América (19 de Estados Unidos) e Asia (3 de Xapón e 2 de China).
O congreso comprende xornadas científicas onde se defenden e presentan traballos de investigación nas diferentes áreas nas que está implicada a camelia, con reunións de traballo de grupos de diferentes disciplinas, todo sobre unha base turística, visitando os principais lugares nos que a camelia ten un claro protagonismo, ademais doutros lugares emblemáticos da comunidade.
A sede principal estableceuse en Pontevedra, con saídas programadas a Vilagarcía de Arousa, visita ao Pazo de Rubiáns, Pazo de Lourizán, Centro de Investigación da Camelia de Areeiro, Castelo de Soutomaior, Pazo Torres de Agrelo, así como visitas a Tomiño, Viveiros Río Tollo e Castrelos, en Vigo.
Hoxe a camelia constitúe un signo de identidade das Rías Baixas que, segundo os organizadores deste congreso, cómpre potenciar, fomentando a súa presenza nos xardíns e contornos naturais más importantes da xeografía de toda a comarca. O evento permite consolidar unha nova oferta turística con cada vez maior auxe, reclamo turístico para miles de visitantes do chamado "turismo cultural e de natureza".
Relacionadas:
-
Álex Vázquez e a pianista Mine Kawasami darán o toque cultural o Congreso Internacional da Camelia
Por Redacción |
-
Preocupación polo "grave deterioro" que presenta o Pazo de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
Todo preparado para o Congreso Internacional Camellia 2014
Por Redacción |
-
Unha delegación de Xapón participará no Congreso Mundial da Camelia de Pontevedra
Por Redacción |
-
Aquí viviu unha camelia
Por Redacción |