Lores falará coa ministra de Mobilidade das futuras zonas de baixas emisións
Por Oskar Viéitez
O vindeiro luns, 25 de abril, o alcalde de Pontevedra e presidente da rede Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores, viaxará a Madrid para reunirse coa ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez Jiménez, para tratar polo miúdo a implantación das zonas de baixas emisións nas cidades de máis de 50.000 habitantes en todo o territorio estatal.
O encontro vén precedido dunha anterior reunión de Fernández Lores coa ministra para a Transición Ecológica, na que se lle pedira que se tivese en conta algún modelo alternativo á hora de crear zonas de baixas emisións alén dos sistemas de pago por entrar nestas zonas ou a compra dun vehículo con etiqueta eco.
Finalmente, o borrador da Lei de Mobilidade non recolle alternativa a estas dúas opcións, amais de non concretar cuestións como o tamaño destas zonas, as reducións mínimas ás que chegar ou as restricións de tráfico unha circunstancia que "non me parece ben, evidentemente", dixo Lores.
O alcalde pontevedrés sinalou que nese encontro quere "debater todo isto" coa ministra e además tratará de facer unha serie de alegacións que se teñan en conta no futuro e que permitan unha creación de zonas de baixas emisións que non pasen por cobrar á veciñanza, "sexa por entrar, sexa por mercar un novo vehículo nun prazo mínimo de tempo", explicou.
Fernández Lores explicou que na Boa Vila "creamos unha zona de baixa emisións na cidade, sen chamarlle así, hai moitos anos" que conseguiu resultados de redución de tráficos e de emisións "superiores á calquera outro modelo aplicado en cidades como Milán, Londres ou Singapur".
O alcalde lembrou que ningunha delas logrou baixar do 40 % cando Pontevedra chegou ao 90 % no casco histórico e ao 70 % no seguinte anel urbano; "e a cidade non só funciona, senón que medrou, logrou ser un referente premiado que demostra que as zonas de baixas emisións poden ser feitas sen cobrarlle a xente".
O alcalde e presidente da Rede das Cidades que Camiñan agarda "que se recolla esta forma de facer as cousas" e indocou que "tería graza" que un concello coma Pontevedra que leva dúas décadas facendo unha zona de baixa de emisións "con métodos razoábeis, aplicando o sentido común", non cumprise coa normativa que expón a lei.
Por último, Lores fixo fincapé que coa nova Lei de Mobilidade "estamos totalmente de acordo na súa filosofía", que pasa por reducir tráficos, por reducir a violencia viaria e mellorar as cidades; "pero que debe contemplar outras vías a maiores das dúas que contén agora", conclúe Fernández Lores.
Relacionadas:
-
O Ministerio de Transportes ábrese a que a Lei de Cambio Climático recoñeza a eficacia do "modelo Pontevedra"
Por Redacción |
-
Pontevedra incrementou nun 24% os desprazamentos peonís e ciclistas na última década
Por Redacción |
-
Toda a "cidade compacta" será zona de baixas emisións antes de 2023
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra seguirá limitando o tráfico para crear zonas de baixas emisións
Por Alejandro Espiño |