Cuntis recibe 4.500 euros para fomentar a participación da mocidade na axenda social do municipio
Por Redacción
O Concello de Cuntis é unha das trece administracións seleccionadas a nivel estatal pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e o Instituto de la Juventud (Injuve) para poñer en marcha o seu proxecto “Espazo CuntisXove Inclusivo”, cunha axuda de 4.500 euros destinados a fomentar iniciativas entre a xuventude cuntiense.
Xunto con outras doce entidades locais con poboacións comprendidas entre os 1.001 e 5.000 habitantes, as actividades deste proxecto céntranse en promover unha educación inclusiva, equitativa e de calidade; fomentar a igualdade entre os xéneros e o empoderamento das mulleres; así como en reducir as desigualdades e combater o cambio climático e os seus efectos.
O Espazo “CuntisXove” pretende ser un complemento educativo que ofrece a adolescentes e xóvenes, neste caso entre 16 e 22 anos, a posibilidade de mellorar as súas potencialidades, hábitos, actitudes e valores que lles axuden ao desenvolvemento e integración activa no seu medio social. Doutra banda, busca dinamizar á mocidade, deseñando un proxecto de intervención común, entre os diferentes tramos de idade, permitindo rendibilizar espazos e equipamentos da instalación destinada a tal fin.
Tamén se busca que a mocidade aprenda e participe, traspasando o marco estritamente escolar, nas actividades gratuítas en materia de lecer e tempo libre que ofreza o Concello, o que facilita a asistencia a fins de semana e en período vacacional.
A escoita activa por parte dunha persoa que os guie é fundamental neste proxecto, xa que é o principal elemento motivador para que as persoas adolescentes acudan ao espazo e participen nas actividades.