Satisfacción en Cuntis polo bo funcionamento do Espazo Cuntisxove
Por Redacción
Catro despois da súa posta en marcha o Espazo Cuntisxove xa está consolidado como un local de referencia para a mocidade de Cuntis. De aí que o Concello anuncie que traballará en novas actividades para ofrecer unha alternativa de lecer aos rapaces e rapazas da vila.
Este espazo abre as súas portas cada fin de semana polas tardes na coñecida como Casa do Médico co obxectivo de ser un lugar de convivencia clave para a xuventude no que se promoven hábitos saudables e se sensibiliza para loitar contra calquera forma de discriminación a través dos múltiples programas que organiza o Concello.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, sinalou que "estamos moi satisfeitos" do seu funcionamento e de que os mozos e mozas fagan un uso "tan importante" deste local de uso público específico para a súa diversión.
Desde o goberno municipal, engadiu, "seguiremos esforzándonos para dotalo dos contidos necesarios en función do que nos vaian demandando os rapaces e rapazas porque cremos que as alternativas xuvenís tamén son unha ferramenta fundamental para fixar poboación".
Así, continuaranse ofrecendo programacións que comprenderán obradoiros e campañas informativas sobre diferentes temas (integración, igualdade ou prevención) e outras actividades formativas e de lecer.
A cargo desta programación está unha educadora que acompaña aos usuarios cada fin de semana ao tempo que vela por una boa convivencia neste local, situado no casco urbano e que se arranxou para a realización de actividades culturais e de ocio.
Ademais da programación, o Espazo Cuntisxove conta con distintos xogos e materiais a disposición da mocidade, como futbolín, tenis de mesa, xogos de mesa, libros, novas tecnoloxías ou equipo de música.