Sara Álvarez, a alumna pontevedresa que máis sabe de ortografía en España
Por Redacción
Sara Álvarez Quintáns, unha alumna do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra conseguiu no mediodía deste xoves 14 o primeiro posto na final do XIV Concurso Hispanoamericano de Ortografía que se disputaba en Madrid.
Os seus compañeiros puideron seguir a competición a través dunha pantalla situada no vestíbulo do centro educativo grazas a que o evento era retransmitido en streaming. A moza foi pasando as eliminatorias ata que se enfrontou a Asturias na última rolda que Sara gañou na morte súbita.
O premio desta final é unha achega económica de 500 euros e a representación de España na final internacional de concurso.
Sara Álvarez, de 17 anos, estuda segundo curso de bacharelato de Humanidades e durante os últimos anos sumou varios premios literarios e o Premio ao Rendemento académico na ESO. Para presentarse a esta final, a nova pontevedresa gañara unha fase previa autonómica.