Tres alumnos do Frei Martín Sarmiento obteñen premios extraordinarios da E.S.O.
Por Redacción
O IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra volve ter varios alumnos que resultaron gañadores do Premio extraordinario da E.S.O.
A alumna Sara Álvarez Quintáns recibirá este premio na modalidade de rendemento académico. Para obtelo tivo que superar un exame con contidos que abranguían todo o currículo do Ensino Secundario Obrigatorio.
Na modalidade de esforzo e superación, os alumnos Martina Cendón Dios e Demetrio Vázquez Pazos, recibirán o premio que distingue aqueles estudantes que superan dificultades para obter o título da ESO
A concesión destes premios leva consigo unha dotación económica de 700 euros para cada un dos gañadores. O premio supón o recoñecemento ao esforzo académico destes estudantes e tamén ao labor docente desenvolvido polo profesorado implicado na consecución destes éxitos. O IES Frei Martín Sarmiento é o centro de toda Galicia que máis premios logrou durante as cinco edicións que se leva organizando este evento. A gala será o 22 de marzo na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Final en Madrid
Por outra banda, o sábado 13 de abril no Pavillón de Deportes do Colexio San Agustín de Madrid desenvolverase a final da Young Business Talents. Alí, dous equipos seleccionados do IES Frei Martín Sarmiento intentarán gañar este simulador empresarial.
Os dous equipos, tutorados no concurso polo seu profesor de economía de empresa David Alvariño, están integrados polos alumnos de 2º de bacharelato: Javier Cabrero de Cabo, Carlos Salgado Sánchez e Sofiane Aroui (equipo FREI2), e polas alumnas Ana Fernández López, Noelia García Fortes e Ángela Ribadulla Ruibal (equipo FREI4).
O Young Business Talents é un simulador empresarial que permite aos estudantes realizar prácticas tomando todo tipo de decisións dentro dunha empresa. Ata principios de novembro participaron nunha competición rexional, introducindo semanalmente no simulador as decisións da súa empresa seguindo un plan estratéxico. Deben ter en conta o prezo dos produtos, os investimentos financeiros, os salarios ou o número de delegacións de vendas.
Á final en Madrid asistirán 100 equipos de toda España do total de participantes. Os 20 mellores equipos desta final recibirán, cada un deles, 500 euros.
Relacionadas:
-
Un proxecto do IES Martín Sarmiento sobre a creación dunha aula ideal, finalista do Premio Nacional Don Bosco
Por Redacción |
-
Catro estudantes de institutos pontevedreses, premios extraordinarios ao rendemento académico
Por Redacción |
-
Sara Álvarez, a alumna pontevedresa que máis sabe de ortografía en España
Por Redacción |