O chef Xoán Crujeiras introduce a futuros cociñeiros nos produtos galegos con selo de calidade
Por Redacción
Cunha exhibición de cociña en directo, o cociñeiro Xoán Crujeiras, referente da innovación na cociña galega á fronte do restaurante Bido (A Coruña), mostrou aos alumnos do Carlos Oroza como sacar o máximo rendemento aos produtos galegos con selo de calidade.
Unha vintena de alumnos e alumnas do primeiro curso do ciclo superior de Dirección de Cociña do centro foron os que recibiron esta clase mestra, incluída na iniciativa da Aula Gastronómica Galicia Calidade.
Xoán Crujeiras elaborou un menú composto por cinco pratos nos que combinou distintos produtos baixo a marca Galicia Calidade.
Así, presentou pescada do porto de Celeiro con escabeche emulsionado, piparra e fresas; ovo a baixa temperatura, pesto e escuma de queixo San Simón da Costa e colmenillas; polbo á prancha con grelos, pataca e touciño e demiglaçe de hortalizas asadas; patacas, mexillóns e escuma de mar; e costela de porco celta con lima-mel-kimchi e fabas de Lourenzá.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, foi a encargada de presentar a iniciativa ao estudantado, a quen instou a aproveitar a oportunidade de afondar no coñecemento dos alimentos, bebidas e outros produtos baixo o selo galego.
"Son uns recursos de gran nivel cos que a futura xeración da cociña en Galicia debe estar familiarizada", apuntou a responsable autonómica.
Relacionadas:
-
O Carlos Oroza gaña o premio de FP do programa DepoEmprende
Por Oskar Viéitez |
-
O Centro Carlos Oroza, exemplo de calidade do ensino de FP en Galicia para o conselleiro de Educación
Por Redacción |
-
RADIO.- Menú de luva branca no CIFP Carlos Oroza
Por Marisa Ciordia |
-
As "receitas de avoas" que os fogóns do Carlos Oroza converten en alta cociña
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |