Nace o Plan de Igualdade para a Cidadanía coa proposta de fomentar a participación activa das mulleres
Por Redacción
Ao longo do próximos cinco anos, o Concello de Vilaboa seguirá o que marca o Plan de Igualdade para a Cidadanía que se presentaba este martes. Carmen Gallego, concelleira de Igualdade, explicaba que este Plan contou coa colaboración do persoal municipal e de axentes sociais e comunitarios de Vilaboa, que realizaron suxerencias e achegas, para elaborar un proxecto desde a perspectiva de xénero incluíndo accións viables.
O documento organízase en catro liñas estratéxicas de intervención. Unha parte está dirixida á gobernanza local e a transversalidade de xénero, que busca introducir de maneira progresiva o principio de igualdade de oportunidades na administración local. Outra liña diríxese á participación social e empoderamento das mulleres, que pretende impulsar a participación das mulleres na vida pública da localidade.
En terceiro lugar trátase o terreo de sensibilización, concienciación e cambio de valores coa incorporación da perspectiva de xénero nas actividades que se realizan polos departamentos municipais. Por último, contémplase unha liña de prevención e actuación contra a violencia machista para impulsar medidas para loitar contra as diversas formas de violencia machista con fórmulas de prevención e atención dirixidas a mulleres vítimas.
Nesta iniciativa recóllense elementos concretos como a incorporación progresiva dunha linguaxe e imaxe non sexista na comunicación tanto interna como externa que xera o Concello de Vilaboa. Tamén impulsa a sensibilización e formación do persoal técnico e político municipal en materia de igualdade para proporcionar información sobre as principais brechas de xénero coa intención de prestar maior atención aos ámbitos onde se rexistra maior desigualdade entre mulleres e homes.
Tamén se solicita #ante o Sergas a reapertura do servizo de atención primaria do Consultorio de Saúde de Santa Cristina de Cobres con persoal propio que palie a carencia de recursos materiais e de persoal que, desde o Concello, entenden que existe na zona. Dentro deste apartado demandan que a Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Pontevedra dispoña de persoal e recursos suficientes para garantir a asistencia psicolóxica adecuada a aqueles menores que o necesiten.
Relacionadas:
-
Aberta a sección de Igualdade con 190 libros na Casa de Cultura de Riomaior
Por Redacción |
-
Minuto de silencio na Subdelegación polo asasinato machista da veciña de Teis: "É unha lacra que non para"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
A análise do plan de igualdade abrirá os actos do 8M en Vilaboa
Por Redacción |
-
Aprobado o Plan de Igualdade que garante as mesmas condicións laborais para mulleres e homes na administración local
Por Redacción |