A análise do plan de igualdade abrirá os actos do 8M en Vilaboa
Por Redacción
O Concello de Vilaboa arrancará a súa programación vencellada á conmemoración do Día Internacional da Muller cunha presentación da diagnose do Plan de Igualdade á cidadanía. Será o 7 de marzo ás 19.00 horas na Casa de Cultura.
A concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, convida a asistir non só ás asociacións que participaron neste traballo senón a toda a cidadanía, xa que se trata da análise da realidade social e económica de Vilaboa feita desde unha perspectiva de xénero que será clave para deseñar as políticas activas en materia de igualdade.
A concellería de Igualdade ten programada tamén a realización de xornadas de formación destinadas ao persoal funcionario e aos grupos municipais que se irán desenvolvendo ao longo do mes de marzo e que forman parte do recentemente aprobado Plan de Igualdade do Concello.
O acto central será o mesmo día 8 de marzo, data na que o goberno local dará lectura a un manifesto diante do edificio consistorial ás 12.00 horas no que reiterará o seu firme compromiso coa igualdade.
Neste texto, dende o Concello manifestan, "fronte a quen nega, vulnera e ataca os dereitos das mulleres, o profundo valor democrático que o feminismo supuxo para a liberdade das mulleres en todo o mundo".
A importancia de lembrar as reivindicacións do 8M chega nun momento clave para o goberno local, xa que a pandemia da covid-19 "deixounos ben visible a desigualdade aínda existente nos traballos de coidado doméstico e a precariedade do emprego feminino".
"Non existirá recuperación se non é garantindo a igualdade de mulleres e homes, rachando coas fendas de desigualdade laboral, salarial, dixital e na corresponsabilidade", indican fontes municipais.
O manifesto institucional de Vilaboa fai referencia tamén á "loita contra a violencia machista" situándoa como un obxectivo principal "político e de cidadanía. Para unha sociedade democrática é inaceptable que as mulleres vivan con medo, ameazadas ou sufrindo torturas".
Relacionadas:
-
Nace o Plan de Igualdade para a Cidadanía coa proposta de fomentar a participación activa das mulleres
Por Redacción |
-
Aprobado o Plan de Igualdade que garante as mesmas condicións laborais para mulleres e homes na administración local
Por Redacción |
-
Os novos plans de igualdade de Vilaboa tratarán de corrixir os desequilibrios de xénero
Por Redacción |
-
8M | As columnas feministas percorren Vilaboa por máis dereitos para as coidadoras
Por Redacción |