A CIG sae este xoves 14 á rúa en contra da reforma das pensións
Por Anxo Lourido
A CIG sairá á rúa este xoves a partir das 20 horas en Pontevedra e Vilagarcía en contra da reforma das pensións que promove o Goberno central.
O sindicato nacionalista realizou durante as últimas semanas asembleas e reunións con xubilados para analizar esa reforma. Segundo sinalou o secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, máis de 100.000 persoas carecen de ingresos en Galicia e en España 800.000 familias dependen dos ingresos derivados das pensións. Ante esta situación, o líder sindical afirma que o que están a detectar entre os traballadores é "cabreo" cara aos gobernantes e unha "preocupación grave".
A CIG propón que se fagan políticas de creación de emprego, que se establezan salarios que permitan garantir as cotizacións para o fondo de pensións e atacar a fraude fiscal. Neste sentido, Marcos Conde apuntou que existe un incremento da economía en negro e, por iso, reclama que a Inspección de Traballo ten que actuar para evitar a evasión de impostos que realizan determinadas empresas e as contratacións a media xornada cando se están a realizar xornadas laborais completas.
A manifestación da CIG en Pontevedra partirá ás 20:00 horas deste xoves 14 da Praza da Ferrería e finalizará ante a Subdelegación do Goberno. Á mesma hora, partirá outra manifestación en Vilagarcía de la Casa do Mar.