CC.OO. reclama a unidade sindical para facer fronte á reforma das pensións
Por Anxo Lourido
Un grupo de máis de cincuenta delegados sindicais de Comisións Obreiras (CC.OO.) percorreron o centro de Pontevedra ata chegar ás oficinas da Tesouraría da Seguridade Social na rúa Pardo Bazán. Alí encerráronse durante unha hora como medida de protesta contra a reforma das pensións que proxecta o goberno central do Partido Popular.
Segundo manifestou o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, esta acción englóbase dentro das mobilizacións que convoca o cumio social para este fin de semana con manifestacións en toda España. Segundo afirman dende o sindicato, a proposta que realiza o Goberno non garante que as pensións se incrementen co IPC e quérese aplicar o factor de sostibilidade en 2019 que supoñería unha redución entre o 15 e o 28%. García Pedrosa indica que "son medidas innecesarias e a pesar de que os ingresos da Seguridade Social son inferiores aos gastos había que realizar medidas como equiparación de todos os reximes e combate a fraude fiscal para garantir que a Seguridade Social tivera ingresos". O representante sindical sinala que os 59 mil millóns de euros que conforman o fondo de reserva da Seguridade Social creado en 2002 son máis que suficientes para afrontar o desequilibrio entre ingresos e gastos. Ademais, apunta que "é un elemento de falta de solidariedade total e absoluta porque coa redución de salarios da reforma laboral vai contra a clase obreira que non pode acudir a plans privados e que non se lles vai permitir unha xubilación digna".
PETICIÿN DE UNIDADE SINDICAL
CC.OO. sinala que a manifestación deste fin de semana a realizarán con UGT pero o secretario comarcal aclara que "Aquí non foi posible facelo coa Alianza Social Galega polo desmarque habitual da CIG. E non o entendemos, sobre todo, porque é necesario que haxa unha reacción do conxunto dos traballadores. Un tema que afecta a cotización da Seguridade Social".
García Pedrosa entende que "o sindicalismo nacionalista debería estar cos traballadores e iso xenera desunión e que haxa menor participación. Iso a quen beneficia, aos traballadores ou a quen toma estas medidas? As mobilizacións do ano pasado entre os tres sindicatos foron moi numerosas e diso temos que aprender". Dende Comisións indican que a división sindical retrae á mobilización, "nós non estamos contentos con que a manifestación da CIG fose relativamente escasa nin nos vai servir que na do sábado haxa máis participación. O importante sería que houbera unha soa manifestación que fixera que o goberno tivese que repensar as cousas", concluíu García Pedrosa.
Relacionadas:
-
Os sindicatos critican o apoio mediático á manifestación contra Ence na súa protesta contra a reforma das pensións
Por Anxo Lourido |
-
CC.OO. e UGT maniféstanse este sábado contra a reforma das pensións
Por Anxo Lourido |
-
Medio milleiro de manifestantes secundan a marcha da CIG contra a reforma das pensións
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
A CIG sae este xoves 14 á rúa en contra da reforma das pensións
Por Anxo Lourido |