A hostalería da provincia entrega en Sanxenxo os seus premios anuais
Por Redacción
Despois de dous anos nos que non se puido organizar, a federación Hostalería de Pontevedra recuperou a súa tradicional Cea de Gala da Hostalería e Turismo, que se celebrou onte á noite no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo.
No marco deste evento, os hostaleiros da provincia entregaron os seus premios anuais, concedidos a personalidades e empresas destacaron pola súa traxectoria profesional e laboral, ofrecéndolles así o recoñecemento social do sector.
Desde a federación aseguran que son moitos os representantes do sector turístico os que destacaron durante os últimos anos debido á súa implicación e dedicación profesional, o que fixo que a elección dos premiados sexa "cada vez máis complexa e difícil".
Así, na gala conducida polo comunicador Fernando Rascado, o premio á traxectoria profesional foi para o Hotel Miramar de Nigrán; mentres que houbo recoñecementos tamén para seis persoas a título individual polo seu traballo.
Recibiron o aplauso do sector José Ángel Espada Barros (Viajes All Tour), José Manuel Maciñeiras Corral (Viajes Ultratur), Consuelo Delgado Cid (Restaurante Timón Playa), Manuel Piñeiro García e Maricarmen Fernández Santos (Restaurante Veiriña do Mar), Olga González López (Restaurante Casa Olga) e José Fernández Fernández (Restaurante Casa Soutomayor).
Pola súa banda, o galardón ao apoio ao sector durante a pandemia foi para a distribuidora viguesa Disbegal e o premio dos hostaleiros ao labor de coordinación en defensa do sector foi para Carlos Antonio Rodríguez Martínez-Island.
No ámbito do fomento ao asociacionismo, divulgación formativa e cultura do viño o premio foi para Juan José Figueroa Treus, o premio á innovación e a oferta turística alternativa foi para José López Rivas (Racing Dakart Sanxenxo) e, por último, o premio á divulgación da cultura hostaleira e turismo foi para Coque Fariña, responsable do blogue Mi Coquetería.