Formación sobre o uso seguro das novas tecnoloxías, principal demanda dos centros educativos para previr a delincuencia
Por Redacción
Un uso seguro das novas tecnoloxías e accións encamiñadas á prevención do acoso escolar e da violencia de xénero están a ser este curso académico as actividades máis demandadas polos centros educativos da provincia de Pontevedra no marco do denominado Plan Director de Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar.
Dentro deste proxecto, a Garda Civil e a Policía Nacional percorren centros educativos de toda a provincia realizando charlas para axudar a previr delitos e no último ano confirmouse que estas son as máis demandas pola comunidade educativa.
Así o deu coñecer este martes a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que o 60 % das actividades estiveron centradas nas novas tecnoloxías, seguindo en relevancia o acoso escolar e a violencia de xénero.
Larriba celebrou a reactivación do Plan e o regreso das actividades presenciais despois da pandemia. O ano pasado houbo 534 actividades e este ano xa van 336 accións formativas.
O plan chegou o curso pasado a 12.606 estudantes, 805 docentes e 306 familiares de 246 colexios e no que vai de curso os equipos especializados de Policía e de Garda Civil chegaron xa a 7.555 alumnos e alumnas.
Maica Larriba quixo recoñecer nestes dous anos de pandemia "o esforzo" da comunidade educativa e o traballo das forzas de seguridade, que seguiron a traballar na formación en seguridade do alumnado, docentes e pais e nais a pesar das circunstancias.
Este martes celebrouse na Subdelegación do Goberno a primeira reunión en formato presencial nos últimos dous anos da comisión de seguimento deste Plan, na que participaron o director da Alta Inspección de Educación en Galicia, Manuel Regueiro; a xefa da Unidade contra a violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy; o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Pérez; o inspector de Educación da Xunta de Galicia e responsable do Plan Director en Pontevedra, José María Alén; e membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.
Segundo deu a coñecer Larriba, os datos confirman a reactivación do proxecto, pois este ano estanse rexistrando cifras próximas ás de hai tres anos e avanzan xa que a finais deste curso estarán recuperadas totalmente.
Relacionadas:
-
As charlas para previr situacións de acoso e violencia chegan a 275 centros escolares da provincia
Por Redacción |
-
A Policía retoma a súa colaboración cos colexios sobre prevención do acoso escolar e uso das redes sociais
Por Redacción |
-
Un de cada tres casos de acoso escolar xa é a través das redes
Por Redacción |
-
Alumnado do Toural de Vilaboa protagoniza un vídeo sobre acoso que chegará a colexios de toda España
Por María José Pita |
-
A Subdelegación do Goberno coordina un plan para previr a violencia machista e o acoso en centros escolares
Por Manu Otero |
-
Emotiva comida pola xubilación do comandante da Garda Civil José Manuel Corral
Por Redacción & Cristina Saiz |