Seis novos traballadores reforzarán a brigada de xardíns de Pontevedra
Por Redacción
Os servizos municipais de mantemento dos xardíns e espazos verdes incorporarán a seis traballadores por un período de seis meses. Os operarios, encadrados dentro do Programa de Cooperación, foron recibidos este martes pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, para darllelas últimas instrucións.
Os traballadores constitúen a dotación concedida a Pontevedra pola Consellería de Traballo dentro deste programa, que conta con financiamento europeo. O Concello tiña solicitado 8 traballadores e unha subvención total, para atender os salarios, de 94.200 euros, pero só foron concedidos os seis xardineiros (un oficial e cinco peóns) cunha subvención de 54.000 euros.
Carlota Román vén reclamando nos últimos anos que a Consellería de Traballo, encargada do reparto dos efectivos, aposte decididamente por este tipo de plans de colaboración cos grandes concellos galegos, que é onde se concentran as principais bolsas de paro.
"Non ten sentido que se discrimine ás cidades equiparándoas aos municipios pequenos, como está a suceder", subliña "aínda máis cando trátase dun plan que está cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo".
Por outra banda, o Concello vén de solicitar a concesión de catro traballadoras desempregadas a través da liña específica dos Programas de Cooperación. O importe da subvención salarial solicitada é de 61.200 euros. A xornada sería parcial e a duración do contrato de doce meses.
Ao igual que se ten feito nos dous últimos anos, preténdese incorporar ás traballadoras a reforzar o servizo de Conserxería dos colexios de Infantil e Primaria máis grandes e con maior volume de matrícula. A Concellería de Educación seleccionou para este fin os colexios de Álvarez Limeses, Campolongo, Marcos da Portela e a Escola Infantil Fina Casalderrey.