Traballo otorga a Pontevedra seis traballadores a través dos seus programas de inserción laboral
Por Redacción
Seis traballadores a tempo completo, por un período de seis meses. Son os beneficiarios dos programas de inserción laboral da Consellería de Traballo que prestarán os seus servizos no Concello de Pontevedra. Todos eles estarán adscritos ao equipo municipal de mantemento dos xardíns e espazos verdes. Un número de traballadores insuficiente, segundo a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.
Pontevedra solicitara nove traballadores, dos que oito estarían asignados ao mantemento dos xardíns e un ao impulso da oficina Pontevedra Film Comission, destinada a promover e facilitar a rodaxe de producións audiovisuais na cidade. Para elo solicitábase unha subvención total de 94.200 euros. A resolución da Consellería de Traballo outorga unicamente seis xardiñeiros (un oficial e cinco peóns) e limita a subvención para atender os custos salariais a 54.000 euros.
Con esta decisión, a Xunta "volve evidenciar o escaso interese que presta á loita directa contra o paro e a carencia de políticas activas de emprego", denuncia a concelleira socialista. ÿ, dixo, "unha nova mostra de insensibilidade nun momento no que a crise económica azouta con forza e o paro, superado o efecto verán, volve subir". O Concello, recalcou, "fixo unha petición mesmo modesta, e aínda así recortan".
Carlota Román considera que sería necesario que a Consellería de Traballo apostara decididamente por este tipo de plans de colaboración cos grandes concellos galegos, que é onde se concentran as principais bolsas de paro.
"Non ten sentido que se discrimine ás cidades equiparándoas aos municipios pequenos", explicou, e aínda máis, sinalou, cando trátase dun plan que está cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo, "polo que o orzamento que dedica a Xunta a este fin é anecdótico".