O PP propón a concesión de licenzas municipais en menos de dous meses a través de entidades certificadoras
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, propuxo este mércores que as licenzas municipais sexan obtidas en menos de dous meses a través de entidades de certificación de conformidade municipal.
Segundo expuxo Domínguez en rolda de prensa, a tardanza na concesión das mesmas xera unha "pérdida ingente de dinero", tanto a empresas como a particulares da nosa cidade, e tamén "impide la creación de puestos de trabajo en Pontevedra". Ademais, o popular incidiu na necesidade de incrementar o número de empregados públicos que desde diferentes áreas traballan no control e expedición das licenzas municipais.
O portavoz popular afirma que no goberno local "no se preocupan por acortar los tiempos, no se dedican a facilitar a los funcionarios el trabajo" por "el rechazo del Concello a utilizar nuevas herramientas jurídicas" e ademais, cre que no Concello de Pontevedra "existe un problema de falta personal, totalmente insuficiente" que se ve afectado por "la falta de dialogo del gobierno local con los funcionarios que contribuye a un mal ambiente".
Por iso, Domínguez propón a contratación de persoal cualificado para a área de Urbanismo, que os "concejales sean participes de esta problemática y estén encima de los expedientes", unha negociación colectiva e, por último, "tomar medidas oportunas para permitir el acceso de las entidades de certificación de conformidad municipal".
Domínguez asegurou que Pontevedra é as cidades galegas que máis tarda en conceder licenzas e isto provocou "que empresarios han rechazado invertir en la ciudad" por "lo exasperante que es tener aquí una licencia y han preferido ir a concellos limítrofes".
RESIDENCIAS
Este luns, a conselleira de Política Social, Fabiola García, reclamaba ao Concello de Pontevedra "que agilice lo máximo posible" a licenza para a construción da segunda residencia pública de maiores do municipio. Trátase do proxecto que xestionará a Xunta e que financiará, construirá e equipará a Fundación Amancio Ortega.
Segundo dixo a conselleira, desde o pasado mes de novembro a actuación está á espera da licenza municipal para comezar as obras de construción no barrio da Eiriña cun investimento anunciado de 12 millóns de euros e que contará con 120 prazas de atención públicas e permitirá a creación de 115 postos de traballo.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, saíu este mércores ao paso das queixas e asegurou que, "se a documentación aportada é a correcta", a tramitación de licenzas entre administracións públicas nunca tarda máis de 15 días, mentres que con entidades privadas non soe exceder os 45 días.
Sobre a tramitación da residencia promovida pola Fundación Amancio Ortega, detallou Lores que, desde a firma do convenio entre consellería e Concello para a cesión dos terreos en marzo do 2021, a Xunta non solicitou licenza de obra ata o mes de novembro. Faltaba documentación, que foi requirida polos técnicos en decembro e non se presentou ata o 23 de febreiro do 2022.
O proceso conta xa con todos os informes técnicos favorables, pero aínda falta por especificar quen é o promotor da obra, se Política Social ou a fundación. Un dato fundamental posto que o procedemento para seguir é distinto se o promotor é unha entidade pública ou privada. "Cando envíen ese papeliño se lle dará a licenza", afirma o mandatario nacionalista.
Con respecto á reforma da residencia de Campolongo, explicou Lores que o complexo carece aínda de licenza de primeira ocupación. A Xunta está a tratar de resolver este problema que, segundo recoñeceu o alcalde, "pasa ás veces". Tan pronto como consigan esta documentación, poderá retomarse o proceso de petición de licenza de obra para realizar a reforma.
Rematou Lores a súa argumentación poñendo en valor o traballo dos técnicos de Urbanismo e da concellería que dirixe Xaquín Moreda. "Cando se fan as cousas ben saen en menos de dous meses", remarca.