A Praza dos Barcos acollerá unha festa de disfraces tras suspenderse o concurso de parodias
Por Redacción
Sanxenxo poñerá o broche de ouro ao Entroido cunha gran festa de disfraces na Praza dos Barcos.
A escasa participación obrigou a suspender o concurso de parodias previsto para este domingo, pero a Concellería de Cultura non quere renunciar a poñer fin a este Entroido con animación e festa na rúa.
Desde as 17 e ata as 19 horas, a Praza dos Barcos converterase nunha pista de baile onde non faltará a música nin tampouco os talleres infantís ou postos de doces. O Concello anima á participación e a que se goce do último día de Entroido na rúa.
Desde a Concellería de Cultura xa traballan na próxima edición na que se retomará o desfile de Entroido xa que se espera que a situación sanitaria estea xa completamente normalizada.
Ao longo desta semana, a programación de Entroido levou a distintos puntos os Entroidiños, o Luns Choqueiro ou o Enterro da Sardiña, e este sábado terá lugar a Festa do Jato en Portonovo.