O Premio Xove Empresario, unha oportunidade para visibilizar o emprendemento feminino
Por Redacción
A concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Yoya Blanco, mantivo este xoves un encontro co presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra, Jesús Rey, e coa directiva Valeria Giráldez, coa finalidade de coñecer os detalles do XXV Premio Xove Empresarix do Ano, co que se pretende apoiar e difundir a iniciativa do sector empresarial máis novo da provincia.
A edil socialista salientou "a importancia destes galardóns, que permiten poñer en valor o papel esencial que xoga o emprendemento na nosa sociedade", así como "o gran labor que AJE Pontevedra está a realizar para impulsar e promocionar o papel da muller no mundo empresarial e do emprendemento".
Nesta liña, AJE Pontevedra organizou en setembro do ano pasado un networking que axudou a visibilizar o emprendemento feminino, entre outras accións. Por estes motivos, desde o Concello de Pontevedra decidiuse incrementar a dotación económica a esta asociación.
"Este ano dobraremos a nosa achega económica e destinaremos uns 4.000 euros á organización de diversas actividades coa AJE", manifestou Yoya Blanco.
O presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey, indicaba que os galardóns deste ano recoñecerán o apoio ao emprendemento, sobre todo naquelas contornas máis rurais, e ao labor dos emprendedores responsables
"Consideramos que o xove emprendedor emprende dun xeito diferente, máis responsable co contorno, coa muller, coa igualdade e coa natureza. En torno a estes dous parámetros, de emprendemento rural e responsable, decidimos organizar neste 2022 o evento en Vilagarcía de Arousa. A idea é facer un ano o Premio en Pontevedra e outro sacalo da cidade e tentar movelo pola provincia para ter esa presenza e apoio", indicaba Rey.
Pola súa banda, Valeria Giráldez sinalaba que "unha das liñas esenciais de AJE para este ano é a do emprendemento feminino" e apuntou, dado que se achega a data do 8M, que "cabe destacar que a directiva está practicamente conformada por mulleres nun 50% e que a meirande parte das novas incorporacións son empresarias femininas".
A entrega do XXV Premio Xove Empresarix terá lugar o vindeiro xoves 10 de marzo ás 20:30 horas no Pazo Castriño (Vilagarcía de Arousa).
OPORTUNIDADES EMPRESARIAIS
Tras a visita ao consistorio pontevedrés, os dous membros da directiva de AJE achegáronse ata a Subdelegación do Goberno para presentar o Premio Xove Empresarix á subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
A subdelegada en Pontevedra trasladoulle a Jesús Rey e Valeria Giráldez a oportunidade que brinda a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno para impulsar a actividade empresarial e transformar as empresas facéndoas máis modernas, competitivas e cualificadas.
Así mesmo, lembroulles que as pemes poden desfrutar dos diferentes incentivos e axudas lanzadas polo Goberno no ámbito da electrificación da mobilidade, a rehabilitación enerxética, o despregue de enerxías renovables, os procesos industriais de I+D, o turismo, a formación e o desenvolvemento de capacidades.
Maica Larriba tamén lles avanzou que preto de 2.500 pequenas empresas da provincia (de entre 10 e 49 empregados) poderanse beneficiar do Programa Kit Digital, un plan para a dixitalización da economía cuxa primeira convocatoria ascende a 500 millóns de euros e que se abrirá a partir do 15 de marzo con bonos de 12.000 euros por empresa.
Relacionadas:
-
Convenio de colaboración entre AJE Pontevedra e o Colexio Oficial de Graduados Sociais
Por Redacción |
-
O Grupo Valenciaga, premio Xove Empresario do ano
Por Oskar Viéitez |
-
AJE Pontevedra outorgará o seu premio honorífico anual a Adegas Martín Códax
Por Redacción |
-
O Premio Xove Empresario trasládase a Vilagarcía
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de presentación de candidaturas para o Premio Xove Empresario
Por Mónica Patxot & María José Pita |