Parte do remanente municipal de Moraña destinarase á renovación do alumeado e a humanización da Rúa 6
Por Redacción
O Concello de Moraña levará este xoves ao Pleno da Corporación unha modificación de crédito que permitirá ao Goberno local afrontar a partida orzamentaria municipal que fai falta para levar a cabo unha importante batería de proxectos e inversións.
Tal e como explica o alcalde de Moraña, José Cela, "á hora de solicitar subvencións para sacar adiante proxectos importantes para a nosa vila, temos que prever a inversión en torno ao 20 ou ao 30% de fondos municipais. A porcentaxe restante é a que nos conceden". Por iso, argumenta Cela, "con esta modificación de crédito poderemos garantir que temos dispoñibles os cartos que nos corresponden e así podemos optar ás axudas".
A modificación de crédito ascende a 178.000 euros, procedentes do remanente de Tesourería do Concello, que en total é de 868.915 euros. Sinala o rexedor que "para nós, ese remanente, eses aforros municipais cos que contamos, son fundamentais, porque nos permiten reinvertilos en novos proxectos para a vila".
Entre as iniciativas que se impulsarán con esta modificación de crédito destaca a renovación de todas as luminarias públicas que aínda non son LED, para mellorar a nivel de aforro enerxético. "Nese proxecto, a parte que investimos nós como Concello é de 107.000 euros, pero a inversión global ascende a 800.000".
Cela afirma que é unha obra importante, que permitirá a Moraña cumprir cos criterios de sostibilidade que a día de hoxe se esixen para o coidado do medio ambiente, así como reducir o gasto eléctrico.
Por outra banda, tamén se sufragarán algunhas humanizacións en diversos viais, prestando especial atención á humanización da Rúa 6, xunto ao Multiusos, que se financiará coa subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra por un importe global de 180.000 euros, dos cales 20.000 serán de fondos municipais.
Finalmente, está prevista a adquisición dunha partida de portacontenedores para o punto limpo móbil adquirido recentemente e de maquinaria.
Relacionadas:
-
Investimento de máis de 600.000 euros para instalar luminarias LED de baixo consumo en Moraña
Por Redacción |
-
Meaño, Meis e Vilanova de Arousa recibirán financiamento para poñer LED nas actuais luminarias exteriores
Por Redacción |
-
A Rúa 7 de Moraña estrea nova imaxe coa renovación do seu pavimento
Por Redacción |
-
Co Mes da Muller, volven a Moraña os encontros do Círculo das Mulleres nas parroquias
Por Redacción |
-
A Xunta mellorará a seguridade do polígono de Trabanca Badiña
Por Redacción |
-
Moraña modificará o proxecto do campo de Mirallos pola inflación do prezo dos materiais
Por Redacción |