Meaño, Meis e Vilanova de Arousa recibirán financiamento para poñer LED nas actuais luminarias exteriores
Por Redacción
O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) vén de conceder unha nova subvención de 274.855 euros á Deputación de Pontevedra.
En concreto, trátase dunha axuda grazas á cal os concellos de Meaño, Meis e Vilanova de Arousa poderán substituír as actuais luminarias exteriores por luces LED de última xeración, co fin de lograr unha maior eficiencia enerxética.
En concreto, estes concellos poderán cambiar un total de 232 luminarias por outras máis respectuosas co medio ambiente e cunha eficiencia máis elevada.
Ademais, actuarase sobre os cadros de mando existentes, de tal maneira que se instalará un sistema de control e regulación. Desta forma, a luz poderá axustarse segundo os diferentes horarios nocturnos e as necesidades concretas de cada tipo de vía.
No concello de Meaño, cun investimento de 100.525 euros, dos que 80.420 euros están subvencionados polo IDAE, procederanse a substituír 139 dos 2.260 puntos de luz que existen por luminarias LED. Estas poderán ser programadas para adaptar o fluxo lumínico en dez cadros de mandos.
Ademais, reformaranse 5 dos 181 cadros demando existentes e os cableados e posta a terra que se atopan en mal estado. Estas actuacións farán que a potencia pase dos 15 aos 5 kW, conseguindo un aforro enerxético do 66%.
O concello de Meis, por outra banda, contará con 72.145 euros do IDAE dos 90.181 necesarios para substituír un total de 28 puntos de luz localizados nos campos de fútbol de Mosteiro e Zancade, ademais de engadirse oito novos para cumprir coa normativa vixente, todos eles LED de última xeración.
Esta actuación permitirá diminuír a potencia, pasando de 64 a 27 KW, conseguindo así un aforro enerxético do 57%.
Por último, no concello de Vilanova de Arousa, o IDAE subvencionará 122.290 euros dos 152.862 necesarios para substituír os 65 puntos de luz instalados nos campos de fútbol de Ponte Arnelas, Corón e Terrón.
Eliminaranse, ademais, catro dos puntos de luz xa existentes e que non son necesarios para cumprir coa normativa vixente. Por outra banda, actuarase nos tres cadros de mando existentes para engadirlles un sistema de control e regulación para axustar a luz os diferentes horarios nocturnos e necesidades. Pasarase desta maneira dos 84 aos 49 kW de consumo, o que suporá un aforro enerxético do 41%.
En total, as actuacións que se levarán a cabo nos tres municipios suporán unha diminución da potencia de 164 a 81 kW, cun aforro enerxético aproximado xeral do 53%.
A axuda que o IDAE outorga á Deputación para a renovación das luminarias está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Sostible 2014-2020.
Relacionadas:
-
A nova iluminación da Avenida de Ourense consegue un aforro enerxético do 26%
Por Redacción |
-
Flinq Ingeniería redactará o proxecto para a renovación de preto de 2.700 luminarias en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
SETGA renovará a LED toda a iluminación pública de Alba, Cerponzóns e Campañó
Por Alejandro Espiño |
-
Parte do remanente municipal de Moraña destinarase á renovación do alumeado e a humanización da Rúa 6
Por Redacción |