O Concello urxe ao Goberno a completar o paseo a Marín tras a "boa acollida" do seu primeiro treito
Por Alejandro Espiño
Centos de pontevedreses gozaron esta fin de semana das súas primeiras camiñadas polo primeiro tramo do paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín, aberto polo Goberno central tras longos meses de espera debido a unha serie de trámites administrativos.
A "boa acollida" que tivo este paseo entre os cidadáns levou ao Concello a instar formalmente o Ministerio para a Transición Ecolóxica, o impulsor desta actuación, a acelerar os trámites para completar todo o seu trazado ata Os Praceres.
A portavoz do executivo municipal, Anabel Gulías, celebrou o "éxito" que tivo este paseo nos seus primeiros días aberto ao público e ofreceu ao Goberno "toda a nosa colaboración" para executar o segundo tramo deste paseo.
"Temos moito interese en que se remate e se poida desfrutar completamente", sinalou Gulías, que confía en que as obras do resto do paseo se poidan executar canto antes.
O tramo inicial contaba coa "complexidade" administrativa de que o paseo ocupaba terreos de Fomento que o Concello tivo que recuperar antes de cedelos ao departamento estatal de Costas, pero o resto do trazado está libre desas cargas.
O contrato para a ampliación do paseo, que xa estaba formalizado, foi resolvido hai uns meses por parte do Goberno, tras detectar erros na redacción do proxecto. Nestes momentos, están a ultimarse os trámites para sacalo de novo a licitación.
Para iso, os orzamentos xerais do Estado reservaron 1,7 millóns de euros. A previsión é que esas obras poidan adxudicarse e iniciarse en leste mesmo ano 2022.