Nova vida ao monte comunal de Quireza coa plantación de 17.000 árbores autóctonas
Por Redacción
Coa vista posta na devastadora vaga de incendios forestais ocorrida en Galicia en 2017, onde arderon 62.000 hectáreas de monte, a empresa de maquinaria forestal e agrícola STIHL, en colaboración con CO2 Revolution, impulsa un proxecto de recuperación destes espazos naturais. O primeiro bosque desta iniciativa está a plantarse no concello de Cerdedo-Cotobade, cunha superficie total de 20 hectáreas dentro do monte comunal de Quireza.
O obxectivo é recuperar a biodiversidade nesta zona completamente calcinada mediante a plantación inicial de 17.000 especies autóctonas, entre as que se atopan Pinus pinaster (pino do país), Quercus robur (carballo) ou Catanea sativa (castaño), entre outras.
Ademais, durante os dous anos iniciais do proxecto, realizaranse accións de mantemento na zona para garantir a viabilidade das árbores plantadas. Desde a propia empresa informan de que a reforestación está perfectamente planificada para reducir o risco de posibles inundacións mediante a plantación de estratos arbóreos e arbustivos que actúan como freo para a corrente de auga, actuar como devasas naturais mediante un cinto de especies frondosas que crean unha barreira natural fronte aos incendios e xerar un impacto positivo nas flores, o pasto e os froitos mediante colmeares de polinización na zona.
Segundo Bernhard Iber, director xeral STIHL España, "eliximos Galicia porque é unha das zonas que máis sufriron o efecto das lapas e os incendios. Neste proceso de reforestación cabe destacar que introducimos un método devasa cuxo obxectivo é evitar que a traxedia volva repetirse".
Ademais do director xeral en España da compañía, no acto de presentación do bosque en Cerdedo-Cotobade estiveron presentes o alcalde Jorge Cubela; o enxeñeiro forestal do partner tecnolóxico CO2 Revolution, Luis Carlos Becerril; o director de FORESTALIS, Emilio Fernández; e a presidenta de presidenta da Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (FEMUPO), Raquel Touriño.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela sinalaba "a importancia e a colaboración das comunidades de montes neste proceso de recuperación medioambiental pioneiro en España e que ten como protagonistas aos montes do municipio que foron vítimas dos incendios forestais do ano 2017". O rexedor destacaba a importancia do proxecto "xa que deste xeito ademais de reforestar os nosos montes queimados estamos tamén contribuíndo a loitar contra o cambio climático e reducir a pegada de CO2 que é tan necesaria".
EMPREGO A PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN
O 70% da plantación realízase de maneira tradicional. Así, a sementeira de plantóns realízana persoas en risco de exclusión, especialmente mulleres, a través dun convenio entre Cruz Vermella de Pontevedra e FORESTALIS, empresa colaboradora de CO2 Revolution no ámbito da integración sociolaboral, encadrado no Plan de Emprego do Reto Social Empresarial.
Sen necesidade de formación previa, os únicos requisitos para formar parte deste plan de Emprego son a actitude, a ilusión e as ganas, manifestan desde o grupo alemán STIHL. Para a empresa, esta é unha parte especial do proxecto porque ofrece a posibilidade a persoas en risco de exclusión de formarse e así volver a sentirse parte da sociedade para, a través do traballo, fortalecer a súa autoestima e, con ela, recuperar as súas vidas. Esta iniciativa conta ademais co apoio do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, así como do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social.
Relacionadas:
-
A Xunta ultima o pasteiro de Quireza que suporá actuar en 32 hectáreas
Por Redacción |
-
Crece o interese polos montes deforestados para entrar no negocio da venda de aire limpo
Por Oskar Viéitez |
-
Pneumólogos que participan nun congreso médico visitan o proxecto pioneiro de reforestación levado a cabo en Borela
Por Oskar Viéitez |
-
Plantan 3.050 árbores en terreos arrasados polo lume en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |