![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/79a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62176e2957-ae0a9c32-923a-4eb8-8120-046a176464bd.jpg)
© Concello de Pontevedra
Pontevedra albergará en maio o primeiro concurso de tapas e petiscos de Galicia
![Manu](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/c92/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/613a3b2f4f-20210902-patxot-radio-programa-deportes-1889.jpg)
Por Manu Otero
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/560/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62176dcbec-9ae4033f-d08e-47a0-99da-4e269587c910.jpg)
© Concello de Pontevedra
Os días 2 e 3 de maio a cidade de Pontevedra será sede do primeiro campionato galego de tapas e petiscos. Trátase dun evento promovido pola Academia da Tapa e o Pintxo, en colaboración coa Concellería de Promoción Económica, que traerá á Boa Vila aos 50 mellores cociñeiros da comunidade.
A organización deste campionato forma parte do proxecto do goberno local Capital Gastro e supoñería un paso máis na carreira por converter a Pontevedra en capital española da gastronomía no ano 2023.
"É un evento que xerará un importante retorno económico para a cidade", declarou a concelleira Yoya Blanco, despois de manter un encontro con Mikel Martínez, presidente da Academia.
Desde esta entidade puxeron os seus ollos en Pontevedra polo seu "potencial económico e turístico", declarou Martínez.
O evento, do que nas próximas datas avanzaranse máis detalles, consistirá nun showcooking en directo no que participarán medio centenar de cociñeiros profesionais para elaborar os seus pratos. Un xurado profesional chegado de fóra de Galicia será o encargado de probar e valorar as súas preparacións para logo conceder os premios das diferentes categorías que dan forma a este certame.
"Vai ser un gran éxito", rematou Martínez, que esta noite terá a oportunidade de presenciar a elaboración en directo dunha tapa no Cafetín a cargo de Rubén González, un dos chefs máis reputados da cidade.