O instituto Valle-Inclán arroupa a Janet, alumna que perdeu ao seu pai no naufraxio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Decenas de estudantes e docentes do instituto Valle-Inclán de Pontevedra concentráronse este venres en apoio ás familias que perderon aos seus familiares no naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova e para mostrar o seu apoio en especial á súa compañeira Janet, filla dun dos 24 tripulantes do buque afundido, veciña de Pontevedra, alumna de terceiro curso de ESO e membro do Consello Escolar do centro.
A concentración incluíu un minuto de silencio e a lectura dun comunicado no que Almudena Suárez Ruiz, compañeira do Consello Escolar, trasladou o "sentimento compartido" de toda a comunidade educativa en apoio ás familias da tripulación. Con este xesto de "respecto e agarimo" quixeron "arroupar" á súa compañeira Janet e á súa familia "pola perda do seu pai".
O comunicado agradece a todos presentes que lles acompañaran "neste silencio de dor" e conclúe cunha petición que nos últimos días xa realizaron as familias e os alcaldes de Marín, Moaña, Bueu, Cangas e Cambados, que non paren de buscar en augas de Canadá os corpos dos 12 mariñeiros que seguen desaparecidos.
"Non deixedes de buscalos", pediu Almudena, mentres lle escoitaban atentamente o alumnado, o profesorado e unha representación da Corporación municipal de Pontevedra, encabezada polo alcalde, Miguel Anxo González e que incluíu aos concelleiros do BNG Carmen Fouces, Xaquín Moreda e Demetrio Gómez e aos edís do PP Rafa Domínguez e Pepa Pardo.
Tras a concentración, o alcalde de Pontevedra tivo unhas palabras de apoio para todas as familias destas catástrofe, que lembrou que é "unha das máis importantes do sector pesqueiro en Galicia nos últimos anos", e e especial ás dúas que residen en Pontevedra, os familiares de Edmon Okutu -pai de Janet- e de Rogelio Franco Damazo Cueva.
Desde que se produciu o naufraxio, o alcalde xa falara cos alcaldes doutros municipios como Marín e Bueu para poñerse á súa disposición por se eles ou os seus veciños necesitaban algo, pero nas últimas horas tivo coñecemento de que tamén había dous pontevedreses entre a tripulación e púxose en contacto coas súas familias.
Tras escoitar a ambas as familias, Lores solidarízase con todas as súas demandas e faias súas, pedindo máis información e que se retome a procura dos corpos dos desaparecidos, polo "dereito que teñen á procura dos corpos".
"Entendemos que se poida parar por cuestións climatolóxicas, pero logo hai que buscar", sinalou o rexedor, á vez que lembrou que, pola forma que ten a sociedade galega de entender a morte, as familias necesitan que se recupere os corpos para "poder despedirse". "Hai que seguir buscando pola vía que sexa porque teñen dereito a poder despedirse dignamente dos seus familiares", engadiu.
Relacionadas:
-
A campaña de sinaturas para reactivar o rescate dos corpos segue sumando apoios
Por Alejandro Espiño |
-
Crece a "angustia" entre as familias do Villa de Pitanxo tras unha reunión "sen compromisos" co Goberno
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Loito oficial en España o próximo 21 de febreiro polo naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
As familias do Villa de Pitanxo esixen "reacción" ao Goberno con "feitos e non palabras"
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga & Mónica Patxot |