As familias do Villa de Pitanxo esixen "reacción" ao Goberno con "feitos e non palabras"
Os familiares dos mariñeiros do Villa de Pitanxo, o barco de Marín que naufragou en Terranova (Canadá) esixiron este venres ao Goberno "feitos e non palabras" en relación ás tarefas de procura dos doce desaparecidos tras a catástrofe.
Tras unha concentración que protagonizaron ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José de Pazo, filla do xefe de máquinas do barco, pediu ao executivo español "que reaccione dunha vez por todas" porque cada hora que pasa "é un mundo".
De Pazo, que actuou como portavoz das familias, reclamou a "implicación" de todo o gabinete, especialmente do presidente Pedro Sánchez e da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, apelando a que son "doce persoas abandonadas que deron a vida polo seu traballo".
A Díaz como "ministra galega" as familias reclámanlle que "dea a cara" e que "se moleste" en poñerse en contacto con elas, intercediendo cos departamentos de Defensa e Exteriores para mandar "avións ou fragatas" a Terranova para que busquen aos desaparecidos.
Así, apuntou que "igual que se manda unha fragata a Ucraína en cinco minutos non sei a que están a esperar", porque o barco "era español" e todos os seus tripulantes tiñan "arraigamento" aquí.
Ademais, suxeriu a posibilidade de que contraten medios en Canadá, entre eles aos barcos españois que faenan alí, "que nos están chamando para que contemos con eles pero debe ser o Goberno quen llo mande", subliñou María José de Pazo.
A portavoz volveu a censurar a escasa información que reciben os afectados, algo que considera "inaudito", o que lles levou a que "nos enteramos das cousas por Canadá e non por España", xa que no noso país "só nos din vaguidades".
"Pedimos cousas de sentido común, que non se abandone a esa xente", engadiu De Pazo, que insiste en que "esta non é forma de tratar á xente" e que este comportamento "inhumano" o único que provoca é unha "dor maior" para as familias.
Tras apuntar que "estamos cansados" ante o que consideran unha "falta de respecto continua", as familias advertiron que "non imos deixar que dean carpetazo a isto", polo que instan o Goberno a que "reaccionen" e non teñan que "suplicar por axuda ou información".
A filla do xefe de máquinas do Villa de Pitanxo afirmou que a perda dos seus familiares "xa é unha dor demasiada grande", polo que esta situación "crávanos aínda máis dor".
Relacionadas:
-
Crece a "angustia" entre as familias do Villa de Pitanxo tras unha reunión "sen compromisos" co Goberno
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O instituto Valle-Inclán arroupa a Janet, alumna que perdeu ao seu pai no naufraxio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Loito oficial en España o próximo 21 de febreiro polo naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
O mal tempo atrasa ao sábado a chegada a terra dos tres sobreviventes do naufraxio
Por Alejandro Espiño |
-
Pésame e solidariedade do papa coas vítimas do naufraxio e as súas familias
Por Redacción |
-
A busca "no ha concluido", di o Goberno, que agarda "condiciones mejores" para retomala "de algún modo"
Por Alejandro Espiño |